Nesta primeira semana identificáronse 75 cadelos, dos que tan só 15 estaban sen microchip
A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, valora moi positivamente os resultados da primeira semana da campaña de control do microchip de identificación dos cans, posta en marcha polo Concello de Noia en colaboración coa Policía Local. “Identificáronse 75 cadelos, dos que tan só 15 estaban sen microchip, unha cifra moito menor á que agardabamos”, explica Ángela Neira, quen sinala que “a Policía Local destaca tamén a boa acollida da xente á medida e a elevada concienciación veciñal na importancia da identificación e o coidado das nosas mascotas”.
Dende a Policía Local de Noia confirman que “inicialmente agardabamos atopar máis cans sen chip, sobre todo nas aldeas, pero a realidade é que a xente está moi concienciada da conveniencia de ter o can con microchip e incluso hai quen presume de que acaba de facelo, a raíz do anuncio do inicio da campaña”. Ademais, destacan que os que non o teñen é por descoñecemento da norma e que, aos dous ou tres días de recibiren a información, presentan a documentación nas dependencias da Policía Local de Noia.
De feito, dende a Policía Local noiesa sinalan que nas aldeas a problemática non é tanto o chip como o feito de que algúns cans permanezan amarrados todo o día, algo considerado moi grave pola nova lexislación xa que se asimila a maltrato do animal. “Estamos informando da situación porque hai moita xente que non sabe nada e ten o can coma sempre o tivo, sen saber que iso é sancionable coa nova lei. Agora lles estamos informando da situación para que poidan solucionalo”, explican dende a Policía Local.
Información, sanción
Esta campaña informativa desenvolverase durante este mes de xuño, días durante os que os axentes limitaranse a informar á persoa propietaria da obrigatoriedade de que o can leve un microchip identificador e de que, no caso de incumprimento, a Lei de protección e benestar os animais de compañía en Galicia considérao como unha infracción grave sancionable con multas de ata 500 euros. A partir do mes de xullo, procederase a sancionar os incumprimentos.
O microchip funciona como o DNI das mascotas. Trátase dun pequeno aparato, do tamaño dun grao de arroz, que se coloca baixo a pel do animal e contén o número de identificación do can, o que permite coñecer os datos sobre o animal e sobre o dono incluídos dentro do Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía. Totalmente inocua e indolora, a súa colocación realízase a través dun veterinario. O seu prezo varía segundo as tarifas do veterinario pero oscila entre os 24 e os 45 euros.
Ángela Neri sinala que “a veciñanza ten que ser consciente de que a identificación dos cans con microchip non é só unha obriga legal ou algo que hai que facer para evitar unha multa, o microchip é de gran axuda no caso de que o seu can se extravíe pois así poderán ler a información, identificalo rapidamente e poder devolvelo ao seu fogar”.