Friday 22 de November de 2024

A piscina municipal do Muíño pospón a súa apertura


As condicións meteorolóxicas das últimas semanas imposibilitaron os labores de mantemento e pintado, o que obriga a adoptar esta medida

O Concello de Ordes vén de anunciar o atraso na apertura da piscina municipal do Muíño, prevista inicialmente para o 16 de xuño. Os motivos deste cambio veñen dados polas condicións meteorolóxicas que se veñen rexistrando ao longo das últimas semanas, o que imposibilita o remate dos labores de mantemento e pintado necesarios para poder poñer a dita instalación á disposición do público. A día de hoxe aínda non se pode concretar unha nova data de inicio de tempada, comprometéndose o Concello a dala a coñecer en canto lle sexa posible.

O Concello de Ordes lamenta as molestias que este cambio poida ocasionar entre os usuarios e usuarias.

Aínda así dende o Departamento de Deportes xa se están a tramitar os primeiros carnés. Para acadalos é preciso que se achegue unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné. No caso das persoas adultas (de 16 anos en adiante) o custo para todo o verán é de 20 €, e de 12 € no caso das menores. Tamén se poden adquirir por mensualidades, en cuxo caso o prezo será de 12 e 6 € respectivamente. No caso de setembro será de 1,8 e 3,6 €, segundo sexan para menores ou maiores. Os prezos para adquirir entradas por xornadas soltas será de 1,50 € para as persoas adultas e de 1 € para os nenos e nenas.

Tamén está aberto xa o prazo para os cursos de natación, cuxa idade mínima é de 3 anos. As clases impartiranse nas mesmas instalacións ao longo dos meses de xullo e agosto, tendo de prazo para apuntarse ata o 21 de xuño. O prezo estipulado mensualmente é de 30 € para o grupo con idades que van dos 16 anos en adiante, e de 20 € para as persoas que teñan entre 3 e 15 anos. As clases terán lugar de luns a venres en horario de mañá.

Todas as tarifas reduciranse nun 50% para as familias numerosas.