Preto dun cento de persoas participaron na actividade desenvolvida de xeito conxunto con Vedra e Vila de Cruces
O Concello de Boqueixón protagonizou esta mañá unha degustación dos seus produtos en Abanca Semana Verde. A feira internacional desenvólvese no recinto de Silleda ata este domingo 10 de xuño. Esta iniciativa desenvolveuse no Cooking Corner pavillón 2 do recinto feiral silledense e realizouse de xeito conxunto cos municipios de Vedra e Vila de Cruces.
A degustación contou coa presenza do alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, que estivo acompañado polos concelleiros vedrés e cruceño, Manuel Costa e José Luis Villaverde, respectivamente. A degustación de produtos do Val do Ulla contou coa súa vertente máis doce da man dos produtos boqueixaneses. Así, repartíronse un total de 250 filloas de Lestedo elaboradas polo Restaurante Vía da Prata, 160 pinchos de Tarta de Lestedo e outros 160 petiscos de queixo elaborado pola Queixería Bo Queixo, instalada no municipio.
Arredor dun cento de persoas, entre as que se atopan un grupo de escolares do CEIP Cerdeiriñas de Piloño, degustaron estes manxares que se combinaron coa empanada, o chourizo e o pan de Vila de Cruces e co viño de Vedra. Unha harmonización que fixo as delicias dos que se achegaron a esta completa degustación.
“Con esta actividade pretendemos poñer de manifesto o potencial gastronómico do Val do Ulla en xeral, e do Concello de Boqueixón en particular, nun escaparate promocional único como é a Feira Abanca Semana Verde”, indicou Manuel Fernández Munín. O rexedor animou aos visitantes a achegarse polo expositor do municipio, “no que poderán descubrir espazos de gran interese natural, cultural e patrimonial”.
Entre a información aportada ás persoas que se achegan ao stand de Boqueixón, dentro do Salón Turexpo-Festur no recinto silledense, atópanse numerosas referencias ao Pico Sacro, ademais de espazos históricos como a Ponte medieval de Ponte Ledesma. A estes lugares cómpre unir a ampla oferta gastronómica, representada non só polos doces, senón tamén polos produtos agroalimentarios.