Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame abrirá do 11 ao 15 de xuño o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, que terá lugar en xullo e agosto


As familias poderán optar por anotar aos cativos para todo o verán, por 15 euros/mes, ou tamén por días ou semanas soltas

O Concello de Lousame abrirá do 11 ao 15 de xuño o prazo de inscrición na súa Ludoteca de Verán, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Integrada no programa Lousame Concilia, a Ludoteca de Verán está dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas.

Os prezos non varían con respecto a anos anteriores. No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será de 15 euros/mes. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal (www.concellodelousame.gal), presentar a última nómina ou recibo de autónomos (para acreditar a situación laboral e ingresos) e a certificación bancaria orixinal do número de conta.

No caso das familias interesadas en que o seu cativo participe nunha única semana ou en días soltos, só terán que chamar ao teléfono 609 828 853, sempre e cando haxa prazas libres. Neste caso, o prezo é de 2,5 euros por día. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.

No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que os nenos/as empadroados/as no municipio recibirán 3 puntos e aqueles que teñan a ambos proxenitores traballando recibirán 2 puntos (ou un proxenitor no caso de familias monoparentais). Finalmente, outorgarase 1 punto aos menores que teñan a un dos proxenitores empregados e aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar. En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera.
Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo.