A voceira socialista, Beatriz Domínguez, presentou sendas queixas diante do Valedor do Pobo e o Consello de Contas de Galicia tras constatar o cobro de case 30.000 euros sen presentar nin unha factura
Xosé Dafonte incrementou nun 142% os gastos en dietas sen xustificar coincidindo coa entrada en vigor da nova Lei de Reforma Local, que fixou topes máximos para os soldos de alcaldes e concelleiros
8 de xuño de 2018.- O PSOE de Trazo esíxelle ao alcalde do Partido Popular, Xosé Dafonte, que xustifique documentalmente ou, en caso contrario, devolva ás arcas municipais os 29.491,86 euros que cobrou en dietas sen xustificar e de xeito presuntamente irregular entre os anos 2014 e 2017. Unha petición que a Agrupación Socialista de Trazo vén de presentar a través de dúas queixas ante o Valedor do Pobo e o Consello de Contas de Galicia.
A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, explica que “recorremos ao Valedor e ao Consello de Contas despois de que o señor Dafonte se negara reiteradamente a facilitar nin unha sola factura, ticket ou documentación xustificativa das dietas cobradas nos catro últimos anos e tras comprobar que moitas delas non son cribles por coincidiren con outras actividades como plenos municipais ou por terse supostamente celebrado en fin de semana. É máis, o señor Dafonte é incapaz de informar sobre con quen se reuniu nesas visitas a organismos oficiais ou da finalidade das reunións”.
“Non estamos en contra de que o alcalde cobre as dietas que lle correspondan polo exercicio do seu traballo, pois está no seu dereito”, indica Domínguez Siaba, “pero a lei tamén esixe que haxa unha xustificación documental. E en Trazo non existe nin unha factura, recibo ou ticket que xustifique ningunha das viaxes realizadas polo señor Dafonte nos últimos 4 anos”. Nas queixas presentadas, os socialistas piden que se fiscalicen os expedientes de pago de dietas do alcalde para ver se se adaptan á legalidade vixente, que se comprobe a veracidade das viaxes efectuadas polo alcalde e, no caso de existir indicios de uso fraudulento dos recursos públicos, se adopten as medidas pertinentes.
Máis dun ano de investigación
O PSOE de Trazo leva máis dun ano pedíndolle ao alcalde que achegue a documentación xustificativa das súas dietas, dende que o 23 de marzo de 2017 pedira o primeiro acceso aos expedientes administrativos nos que debería figurar a información. Unha petición que se volveu formular ata en 9 ocasións posteriores, sen que Dafonte permitise o acceso á documentación solicitada. Unha situación que non é nova no municipio, onde o alcalde foi condenado en setembro de 2015 pola súa actitude obstrucionista á actividade da concelleira socialista no exercicio das súas funcións públicas polo Xulgado do Contencioso Administrativo Número 4 da Coruña.
A propia Alcaldía ditou unha resolución o 3 de abril de 2018 na que afirma que se lle ten amosado á concelleira toda a documentación incluída nos expedientes de pago de dietas e indemnizacións ao alcalde. “De ser certa esta resolución da Alcaldía, confirmaría un feito de especial gravidade: que os pagos de dietas e indemnizacións derivadas do exercicio do cargo de alcalde en Trazo téñense feito sen a súa necesaria fiscalización, ao non obrar ningún tipo de albarán, recibo ou factura que xustifique o cobro desas cantidades”, apunta Beatriz Domínguez.
Dietas en cuestión
Nos escritos presentados ante o Consello de Contas e o Valedor do Pobo, a agrupación socialista de Trazo detalla unha serie de feitos que aumentan aínda máis as dúbidas sobre a veracidade das supostas viaxes cobradas polo alcalde. “Temos constancia de, cando menos, 15 visitas que Dafonte cobrou sen que se realizaran”, indica Beatriz Domínguez, “pero tamén é moi sospeitoso que o incremento exponencial das cantidades percibidas por dietas coincida despois de que Dafonte se vira na obriga de reducir o soldo como consecuencia da entrada en vigor da reforma da Lei de Bases de Réxime Local e que as contías volvan a baixar cando esta concelleira comezou a solicitar información”.
As cifras ofrecidas polo Concello de Trazo confirman que Dafonte incrementou nun 142% os gastos en dietas sen xustificar, pasando dunha media de 380 euros mensuais en 2014 aos 920 euros mensuais percibidos en 2016. Un aumento producido a pesar do descenso na contía das dietas, que por lei pasaron de 60,10 euros a 53,34 euros. “Antes de que lle rebaixaran o soldo, Dafonte non pasara nunca máis de 600 euros en gastos. Dende entón, non baixou dos 900 euros”, apunta Beatríz Domínguez. Unha contía que comezou a descender no 2017, coincidindo co inicio das peticións formuladas polo partido socialista.
Tamén resulta sospeitoso que as 3 ou 4 visitas mensuais que Dafonte facía á Deputación da Coruña dende 2004, pasaran a 0 visitas mensuais dende que os socialistas de Trazo presentaron as súas solicitudes de información. “Un cambio tan radical na forma de actuar fainos dubidar da veracidade das supostas visitas de Dafonte á Deputación enre 2014 e 2017. Non é que reducira a frecuencia, é que practicamente dun mes para outro deixou de ir”, comenta a voceira municipal socialista. De feito, das 28 viaxes realizadas por Dafonte ao organismo provincial en 2016 e dos 10 desprazamentos feitos no primeiro cuatrimestre de 2017 pasouse a 1 única viaxe no resto do ano: o 17 de outubro de 2017.
Por último, os socialistas salientan que observando os xustificantes de pago, poden atoparse patróns que se repiten nos gastos de Dafonte e que van máis aló da simple coincidencia. Unha situación que mesmo deixan casos tan curiosos como que a Secretaría autorice o 27 de abril o pago dunha visita que o propio documento recolle que se produciu o 28 de abril. “Ante esta situación, os socialistas de Trazo lle esiximos ao señor alcalde que amose os tickets, albaráns ou calquera outro xustificante das súas dietas nos últimos catro anos ou, no caso contrario, devolva aos veciños e veciñas de Trazo os case 30.000 euros que ten cobrado de forma irregular”, conclúe Domínguez Siaba.