Saturday 16 de November de 2024

Brión aproba os seus Orzamentos para 2015, que ascenden a cinco millóns, aumentan nun 60% os investimentos e reducen nun 19% os préstamos


O pleno aprobou por unanimidade a proposta de POS 2015, que destina máis de 145.000 euros a arranxo de pistas e beirarrúas

O pleno municipal de Brión aprobou en sesión extraordinaria os seus Orzamentos Municipais para 2015, que ascenden a 5,06 millóns de euros, incrementan nun 60% a partida destinada a investimentos reais e reducen nun 19% o gasto en amortización de préstamos. Unhas contas que foron aprobadas cos votos a favor dos grupos municipais do PSOE e do PP, así como coa abstención do BNG.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, explicou que os orzamentos municipais de Brión para 2015 “son os mellores que podemos presentar, nas actuais circunstancias e dentro do que a lei nos permite” e e agradeceu o traballo da Interventora e de todos os funcionarios para poder aprobar as contas en tempo e forma. Uns orzamentos que ascenden a 5.068.905 euros, o que supón un incremento dun 4,77% con respecto ao exercicio anterior.

Investimentos

García destacou especialmente o aumento da partida destinada a investimentos reais, que medra nun 60% con respecto ao 2014. Unha partida na que máis do 85% dos investimentos está dirixido a arranxos e melloras nas pistas municipais, a mellora da sinalización viaria, alumeado público ou humanizacións de espazos públicos.

Así, o Concello de Brión investirá en 2015 un total de 272.082 euros en mantemento e mellora de pistas. O proxecto máis importante, orzamentariamente falando,son os 113.969,9 euros incluídos no POS 2015 para o mantemento de pistas en Guitiande e Chave de Carballo, nas estradas Vilanova-O Rial e Gosende-Souto; e en varias rúas de Pedrouzos e Lamiño. Así mesmo, contémplanse outros 90.678,85 euros para melloras e mantemento de camiños rurais (froito dunha subvención nominativa da Deputación da Coruña) e outros 67.433 euros para actuacións en camiños de titularidade municipal.

Paralelamente, o Concello de Brión investirá tamén 42.000 euros na restauración da sinalización viaria en todo o municipio, cunha partida especial de 19.000 euros para a sinalización vial na urbanización Monte Devesa, e instalación de redutores de velocidade, logo da boa acollida tida polos instalados na recta de Bastavales. O alcalde de Brión salientou tamén dous investimentos concretos: os 15.000 euros para a construción dun parque infantil en Xinzo (Bastavales) e os 5.000 euros para a adquisición dunha a limpeza de fosas sépticas.

Os orzamentos de Brión para 2015 contemplan tamén un investimento de máis de 10.000 euros nas instalacións eléctricas do campo municipal de herba artificial, así como outros 5.500 euros para reposición e substitución de luminarias. A previsión é que o gastos en enerxía eléctrica baixará un 7,8% con respecto ao ano 2014. Así mesmo, contémplase unha partida de case 32.000 para acondicionar unha beirarrúa entre o polideportivo municipal e o acceso ao colexio de Pedrouzos e ao IES Brión.

Gasto social e GES

En canto ao resto de partidas de gasto, os orzamentos de 2014 de 2014 contemplan unha pequena baixada dos gastos de persoal debido á xubilación dun traballador que non puido ser cuberta e ao mantemento dos soldos do resto dos traballadores. Unha baixada que se produce tras o incremento do 10,5% do ano pasado, debido á contratación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que está integrado por 12 membros.

No capítulo de gasto social, mantéñense as axudas económicas a asociacións, así como aos centros educativos, onde se inclúen tamén convenios coas escolas unitarias dos Ánxeles, Bastavales e A Luaña. Pola contra, baixa a achega creada o ano pasado para Axudas de Emerxencias, debido a que o ano pasado se incluíra un orzamento especial para axudar á reconstrución dunha vivenda queimada e a unha baixada nas achegas á Mancomunidade Serra do Barbanza. “En todo caso, as cantidades que van nos orzamentos son as que nos indicaron dende os Servizos Sociais e se incrementarían se fose preciso”, explicou Xosé Luís García.

Finalmente, no capítulo de endebedamento, o Concello de Brión sitúase no 15,5%, moi lonxe da porcentaxe permitida pola Lei. A débeda total do Concello de Brión ascende a 153.000 euros, despois dunha nova redución do 19% este ano que se suma á redución do 33% experimentado no 2013. Deste xeito, Brión só ten dous préstamos pendentes polas obras realizadas para a construción da nova Casa do Concello e da piscina municipal. O superávit deste ano ascendeu a 528.051 euros e o remanente total de Tesourería ascende a 1.485.140 euros.

O Partido Popular apoiou a proposta de Orzamentos, aínda que considerou que os gastos en persoal e en gasto corrente eran elevados. Pola súa banda, o BNG reiterouse na súa abstención do ano pasado xustificada en que, aínda que os orzamentos conteñen moitos elementos positivos, se trata duns orzamentos nos que a autonomía local está limitada pola normativa do Goberno do Estado. Ademais, criticou tamén o gasto en persoal e pediu que se faga algún programa máis de eficiencia enerxética e que se incrementen as achegas ao exterior. Xosé Luís García explicou que os gastos en persoal que ten o Concello de Brión débense ao mantemento da brigada de obras, que permite facer máis traballos no municipio dos que habería se se contratase a terceiras empresas.

Aprobación do POS 2015

A unanimidade marcou o resto da orde do día, comezando pola aprobación do POS 2015, que ascende a 234.041,10 euros. O Concello de Brión acordou destinar 88.296,71 euros a gasto corrente e o resto a dous proxectos de investimento:

– mantemento de pistas en Guitiande, Vilanova-O Rial, Gosende-Souto, Chave de Carballo e rúas de Pedrouzos e Lamiño (113.969,9 euros)
– acondicionamento de beirarrúa emprazada nas inmediacións do pavillón polideportivo e o acceso á zona escolar de Lamiño (31.774 euros).

Por outra parte, o pleno aprobou tamén por unanimidade a adhesión do Concello de Brión a un convenio entre a Dirección General de Tráfico (DGT) e a Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) que facilitará que os cidadáns que se empadroen no municipio poidan modificar tamén o domicilio do seu vehículo nas oficinas municipais, sen necesidade de ter que acudir ao ente dependente do Ministerio do Interior.

Finalmente, aprobouse un convenio coa ANPA Rosalía de Castro para a cesión dos terreos onde se emprazará o patio cuberto que se construirá segundo un proxecto convocado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e co apoio de Finsa e Deloa. O Concello cederalle o uso desas instalacións á ANPA durante os próximos 8 anos, sempre que deixen a súa utilización pola escola durante o horario escolar.