O Pleno dá o visto bo á compra da parcela para a instalación da depuradora que dará servizo a Filgueira e Seixido
O Concello de Lousame celebrou esta mañá unha sesión extraordinaria e urxente para aceptar a subvención do proxecto “Aforro enerxético nos alumeados públicos do Concello de Lousame” e enviar a documentación precisa ao IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía). Un proxecto orzamentado en 171.941 euros, dos que o IDAE financia o 80% grazas a fondos FEDER.
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “o proxecto inclúe a substitución de 348 puntos de luz do alumeado público en Portobravo, na pista de Cruído, Berrimes e na parroquia de Lousame, onde se cambiarán os sistemas de iluminación por sistemas LED, renovarase os centros de mando, instalaranse reloxos astronómicos de acendido e apagado e renovarase o cableado, entre outras actuacións”. O proxecto foi aprobado cos 6 votos a favor do PP e as 3 abstencións do PSOE, posicionamento que non entendeu Villaverde Pais pois “estamos falando dunha inversión importante en Lousame e que suporá un aforro enerxético importante para as arcas municipais”.
A última actuación realizada polo Concello de Lousame en materia de aforro enerxético tivo lugar en 2016 e supuxo a renovación das luminarias en Marracín de Abaixo, Marracín de Arriba e Tállara, así como o arranxo do alumeado do polideportivo municipal “Pilar Barreiro Senra”. Un proxecto que supuxo un investimento de 75.110 euros.
Saneamento
Finalmente, o pleno municipal aprobou, novamente co apoio dos 6 votos do PP e as 3 abstencións do PSOE, a compra dunha parcela para a instalación da depuradora que dará servizo a Filgueira e Seixido. “Unha vez aprobado este punto, enviaremos o certificado a Augas de Galicia para que poidan iniciar canto antes as obras, que xa están adxudicadas”, apuntou Teresa Villaverde.
O proxecto de saneamento en Filgueira e Seixido é froito dun convenio de colaboración asinado en xullo de 2016 por Augas de Galicia e o Concello de Lousame, que será financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia. Na actualidade, os núcleos de Filgueira e Seixido non dispoñen de rede de saneamento municipal de augas residuais urbanas, polo que os veciños teñen que dispoñer de fosas sépticas propias.
As obras contemplan tres novos tramos de saneamento que conectarán as vivendas da zona coa rede xa existente, discorrendo gran parte do trazado pola estrada DP-4201 e unha pequena parte por un viario de titularidade municipal. Toda a rede de colectores proxéctase en tubería de PVC de 250 e 200 milímetros de diámetro con 26 pozos de rexistro e arquetas de separación de grosos con rejilla manual e arquetas de inspección.
No que atinxe á EDAR, o proxecto propón un sistema compacto de depuración para o tratamento biolóxico das augas domésticas ou asimilables a domésticas. Un tratamento que cumprirá tanto a Lei de Augas como a normativa europea. A EDAR realizará a depuración en dúas etapas: unha primeira de decantación-dixestión en dous compartimentos contiguos e a aplicación dun filtro biolóxico para a depuración da auga. A obra atrasouse porque Augas de Galicia non consideraba idóneas as parcelas ofrecidas para o emprazamento da depuradora, polo que houbo que adquirir unha parcela a un veciño, proceso que se demorou no tempo por non dispor da documentación actualizada.
Xustificación da urxencia
A alcaldesa de Lousame xustificou a urxencia da sesión en que hoxe era o derradeiro día para presentar a documentación para aceptar a subvención do IDAE para o proxecto de aforro enerxético, toda vez que a documentación requirida rematouse de xuntar onte mércores 6 de xuño.