A rapazada é quen máis ordena
Día de pleno en Moeche. Non, non nos equivocamos. Anque non lle tocase e aínda que non houbese convocatoria previa, houbo un pleno extraordinario no salón de sesións da casa consistorial. Porén, dos elixidos e elixidas en 2015 só estaba a alcaldesa, Beatriz Bascoy, rodeada por 35 alumnos e alumnas do CEIP San Ramón que enchían os escanos e os bancos destinados ao público para expresaren as súas demandas de todo tipo, na súa maior parte referidas a melloras no centro de ensino. Pequenas reparacións, máis dotación en equipamento de xogos, marquesinas e mesmo a petición de obras viarias noutros puntos do territorio, foron os asuntos dunha orde do día que se completou en pouco máis de 25 minutos nun clima de entendemento e de achegas expresadas con moito xeito e moito sentido.
Coma se dun pleno de constitución do Concello se tratase, neste o primeiro que se fixo foi formar a mesa de idade con Uxía, alumna de 6º de Primaria, actuando como presidenta e Gabriel, alumno de 1º, como secretario coa asistencia da alcaldesa, quen abriu a sesión convidando á rapazada para que comezase as quendas de intervención dos e das representantes de cada curso. “Cada un vai ir explicando o que falastes na escola, o que consensuastes entre todos e o que vides pedir, pero tamén propoñer. Porque non se trata só de pedir, senón tamén de propoñer e de dicirnos en que vos podemos axudar”, díxolles Beatriz Bascoy para, deseguido, comentar que o desta mañá “posiblemente” fose o último pleno infantil que se vai celebrar, posto que as peticións infantís se canalizarán a partir de agora a través do Consello local da infancia e da adolescencia constituído recentemente en Moeche polo Concello, a ANPA, o profesorado do CEIP e o propio alumnado. “Aqueles que aínda non vos apuntastes e queirades participar só tedes que dicilo na escola ou chamar desde a casa. Nas reunións poderedes propoñer asuntos que vos interesan para que despois o Concello intente levalos a cabo, ou para que colaboredes en proxectos que ten o Concello e para os que é interesante escoitar o que opinades”.
Dito isto, Bascoy cedeulle a primeira palabra a Anxo, voceiro de 1º, quen solicitou que se arranxase o ximnasio “porque vai moito frío”. Unha petición secundada por Lara, de 2º, quen sumou á demanda o amaño do patio cuberto “poñendo fiestras e unhas estufas, e así non pasariamos frío polas mañás cando chegamos”. A terceira voceira foi Zeltia. Coma unha política con longa experiencia oratoria, a representante de 3º traía memorizada a súa argumentación, na que pediu o arranxo dun dos columpios do centro de ensino. A alcaldesa tomou boa nota das reivindicacións infantís e expresou a súa intención de trasladarlle a demanda do peche do patio cuberto á Consellería de Educación, ademais de explicar que outras pequenas melloras e reparacións serán asumidas polo Concello durante o verán. Bascoy adiantoulles tamén aos nenos e nenas que de cara ao próximo curso se instalará un grande columpio colectivo para a rapazada de máis idade, gracias a unha subvención da Deputación da Coruña.
Trala intervención de Zeltia tocoulle a Nuria, voceira de 4º de Primaria. Ela non pediu nada para o colexio, senón para o resto do territorio. “Queremos que se manteñan en bo estado as pistas da zona rural. Limpas, sen maleza e sen baches”, solicitou a rapaza. Beatriz Bascoy agradeceulle a achega e aproveitou para explicarlle á cativería que os dous tractores municipais rozan a rede viaria durante o verán. “Agora están en San Xurxo e despois tócalle a Santa Cruz, Abade, San Xoán e Labacengos, xa que imos por orde”. Sobre os asfaltados e rebacheos, a rexedora contoulle ao alumnado do CEIP como se deciden este tipo de obras no municipio: “igual que vós vides hoxe, as veciñas e veciños maiores tamén veñen aquí no mes de outubro e dinnos cales son as pistas que queren que se amañen. Van 22 pistas arregladas e precisamente hoxe vanse aprobar 11 máis”.
O último en falar antes de abrir unha quenda para o público foi Adrián representando a 5º e a 6º. Expuxo tres demandas: un profesor “subvencionado polo Concello para nenas e nenos que necesiten apoio ou reforzo nos estudos”, que se decore cun graffiti a fachada principal do centro de ensino convidando a algún ou algunha artista gráfica “e que nós, os nenos e os profesores, poidamos axudarlle” e, por último, que se reparen as beirarrúas de San Ramón e que se instale unha marquesina en Gundiao “xa que hai tres alumnos que non teñen onde gorecerse no inverno”. Bascoy puntualizou que fan falla marquesinas “para máis sitios que Gundiao” e que, neste sentido, o Concello irá “por orde”. A alcaldesa repasou a planificación municipal neste ámbito: “xa puxemos cinco, e cada marquesina custa 1.800 euros… agora imos coller outras tres, que aló polo comezo da escola ou o mes de outubro estarán listas”. En resposta ás outras cuestións expostas por Adrián, Beatriz Bascoy comentou que o arranxo das beirarrúas en San Ramón se limita ao seu mantemento posto que, segundo a alcaldesa, para ben ser “habería que facelas de novo”. Bascoy finalizou a súa resposta ao voceiro de 5º e 6º avanzando que a idea do graffiti se probará primeiro na nave do Mercado “e despois pintaremos na escola”. O único que non obtivo compromiso foi o do profesor de reforzo, posto que iso “só pode facelo a Xunta”, aclarou Beatriz Bascoy.
Nas intervencións do público -infantil- volveuse falar de marquesinas, da cartelaría do parque anexo ao Concello, de dotar con máis xogos o patio dos maiores e da posibilidade de cubrir o espazo dianteiro do colexio pensando no alumnado que non usa o transporte escolar e que debe agardar antes de poder acceder ao recinto. Xusto antes de levantar a sesión, Beatriz Bascoy pediulles aos nenos e nenas que no próximo encontro expresen propostas propias, “o que vos interesa como nenas e nenos que sodes; ao mellor non de arranxar cousas só, senón tamén de algo que vos parecería interesante que houbese, o que pensedes por vós mesmos. As pistas, as beirarrúas e outras cousas dicímolas os papás e mamás… e ás veces queda sen dicir en alto o que vos preocupa como nenos e nenas”. A rexedora local lembrou nesta liña que a biblioteca municipal se vai dotar de máis fondos gracias a unha subvención da Xunta, e por iso lle solicitou á cativería a súa axuda “para elixir o listado de libros e pelis que queirades vós que se compren”.
E, xa que este martes se celebrou o Día Internacional do Medio Ambiente, desde o Concello tamén se aproveitou para entregarlles aos nenos e nenas o folleto “Moeche en verde” no que se explica como facer unha correcta separación do lixo en orixe e como utilizar os distintos colectores que hai repartidos polo territorio. A publicación, editada en colaboración coa Deputación da Coruña, fala tamén do servizo de recollida de voluminosos compartido con San Sadurniño e de como deben tratarse outros resíduos como pilas e fluorescentes. “Hai que intentar reciclar todo o que poidamos. Porque, canto máis reciclemos, menos contaminaremos, menos gastaremos e máis cartos teremos para facer cousas na escola”, razoou Beatriz Bascoy a xeito de engado ambiental dos nenos e nenas antes de despedilos e de desexarlles un bo verán.