Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión convoca BriónVerán 2018, que inclúe dous campamentos, obradoiros de verán e Tardes na Carballeira


As inscricións deberán formalizarse na Casa da Cultura antes do 15 de xuño (campamentos) e do 22 de xuño (resto)

O Concello de Brión vén de abrir o prazo de inscrición no seu programa de actividades para a época estival, BriónVerán 2018, que inclúe 4 actividades: obradoiros de verán, Tardes na Carballeira e dous campamentos. En todos os casos a admisión realizarase por orde de inscrición e o prazo de anotación estará aberto ata o 15 de xuño (campamentos) e 22 de xuño (resto), na Casa da Cultura. Terán preferencia as persoas empadroadas en Brión, aínda que tamén poderían participar as de fóra do municipio no caso de quedar prazas libres.

Para os que desexen saír fóra do municipio, do 15 ao 21 de xullo terá lugar o Campamento Xuvenil, no que poderán participar 20 rapaces e rapazas de entre 13 e 17 anos. O campamento terá lugar no Galipark (Padrón), onde practicarán rafting, kaiac, paintball, rocódromo, tirolina, tiro con arco, quads, circuíto de altura… O prezo é de 75 euros por persoa, 38 no caso do segundo irmá/irmán e gratuíto para o terceiro e seguintes.

O Campamento Infantil terá lugar na segunda quincena de agosto nun lugar aínda por determinar (ben no Entrimo, ben en Ribadeo). Poderán participar ata 50 nenos e nenas de entre 7 e 13 anos. O custe do campamento é de 150 euros por persoa (75 para segundos irmáns/irmás e gratuíto para os seguintes).

Obradoiros de verán

E para quen queira quedar en Brión, o Concello programa os tradicionais obradoiros de verán, que terán lugar do 2 ao 31 de xullo no CEIP de Pedrouzos e na piscina municipal. Poderán participar 40 nenos e nenas, de entre 4 a 12 anos, en horario de 10:00 a 13:00 horas, con transporte de balde (previa solicitude) e posibilidade de inscrición por semanas. Ademais, para facilitar a conciliación da vida laboral e familiar, as familias poderán levar aos nenos ás 9:00 e recollelos entre as 13:00 e 14:00 horas de forma gratuíta (se ben neste caso non terán dereito a transporte). Ademais, a piscina ofrece servizo de madrugadores ás 8 da mañá por 3 euros/días. A cota é de 25 euros por persoa e semana, 13 para segundos irmás/irmáns e gratis para o resto.

Finalmente, as Tardes na Carballeira desenvolveranse de 16:30 a 19:30 horas en xullo e agosto. Haberá 30 prazas dispoñibles para nenos e nenas de 4 a 14 anos. Cada semana haberá actividades diferentes e todos os venres unha excursión pola comarca. O prezo é de 20 euros por persoa e semana (10 para segundos irmás/irmáns e de balde para o resto).