Incide en que Punta Langosteira é consecuencia da rebeldía construtiva, cooperativa e positiva que sempre caracterizou o noso país, e lembra, tamén que as obras materialízanse grazas á existencia dunha España xusta e á presenza dunha UE que achega os seus Fondos de Cohesión
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse a Punta Langosteira como unha obra froito do traballo coordinado, “no que todos cumprimos co noso deber: as empresas, os profesionais, os traballadores, funcionarios e políticos de diferente cor partidaria. Podemos afirmar que Galicia sufriu unida a crise do Prestige, e reaccionou unida para enterrar os seus vestixios”, aseverou. “Non había precedentes en Europa dun proxecto semellante, tan complexo e esixente; e, a eses desafíos técnicos, había que sumar os políticos, os administrativos e os grandes desafíos económicos e financeiros”, incidiu, ao que aseverou que, pasados todos estes anos, “podemos afirmar que saímos máis fortes, máis unidos, máis nosos”.
Durante o acto de presentación das novas instalacións portuarias do Porto Exterior, Feijóo afirmou, deste xeito, que se trata dunha infraestrutura cun dobre significado: “Trátase dunha obra que xa empeza a contar con tráficos, instalacións industriais en construción, e traslado de operadores con concesións en vigor. Pero hai outro aspecto simbólico, que nos fala da enorme enerxía dunha Comunidade cando camiña xunta. Forma unha marea branca que impregna o ánimo de todos. Galicia enteira está aquí presente. Unha Galicia que non está nin quere estar soa”.
Nesta mesma liña, incidiu en que este Porto Exterior é consecuencia da rebeldía construtiva, cooperativa e positiva que sempre caracterizou o noso país, e lembrou, tamén, que as obras de Punta Langosteira materialízanse grazas á existencia dunha España xusta e á presenza dunha Unión Europea que achega os seus Fondos de Cohesión. “Este é un porto exterior de Arteixo e da Coruña e tamén un porto de Galicia e da fachada atlántica europea”, aseverou.
Se ben a xeografía en ocasións nos sitúa na periferia, Feijóo subliñou que agora nos coloca na centralidade, e asegurou que Galicia está preparada para aproveitar esa vantaxe que moi poucos territorios teñen. “Galicia equivale a máis de 48.000 metros de atraque, cun millón de hectáreas de superficie portuaria, distribuídas en seis portos de interese xeral, 122 autonómicos e as plataformas loxísticas da Coruña e Ferrol. Galicia estivo no centro do mundo cando as vías marítimas eran a comunicación, e volve estalo coa ampliación do canal de Panamá, e o establecemento de eixos que unen por mar Europa con América, África e Asia”, abundou.