O proxecto conta cun orzamento de 944.000 euros e permitirá mellorar o firme e o drenaxe da vía e renovar a sinalización
A Axencia Galega de Infraestruturas comezou a tramitación administrativa para a contratación das obras de mellora na autovía AG-64 que comunica Ferrol con Vilalba, que teñen un orzamento de execución de 944.000 euros. Este proxecto afecta a un tramo que discorre entre Narón e As Pontes de García Rodríguez de preto de 40 quilómetros de lonxitude.
O proxecto define as obras necesarias para a rehabilitación do firme mediante fresados localizados e reposición dos tramos que presentan deformacións. Ademais, as obras tamén permitirán a renovación da sinalización horizontal e vertical que se encontre deteriorada.
Por último, inclúense traballos de mellora do drenaxe da autovía, concretamente na zona do paso superior da estrada de Vilallonte (Narón) e a construción de cunetas de seguridade nos ramais do enlace de Penapurreira (As Pontes) e preto do enlace entre a AG-64 e a AC-564 (As Pontes).
Por concellos, as actuacións principais levaranse a cabo en Narón, onde se investirán 662.000 euros, seguido de San Sadurniño, con 245.000 euros. O proxecto tamén contempla investimentos de 28.000 euros nas Pontes e de 9.000 euros nas Somozas.
A tramitación administrativa do expediente comezou coa publicación do anuncio de licitación no portal de contratos de Galicia. De non atopar atrancos de importancia, agárdase que o proxecto poida estar contratado no mes de setembro e as obras finalizadas a principios do ano próximo, xa que o prazo para a execución das mesmas é de seis meses