Preto de 300 persoas participaron este domingo na primeira Foliada Airiños Galegos, organizada pola asociación de mulleres rurais Airiños Galegos en colaboración co Concello de Frades e a Rede Cultural da Deputación da Coruña. O campo da feira desta parroquia fradense acolleu unha gran churrascada previa á actuación de seis agrupacións folclóricas da comarca: Sarillo (Aiazo, Frades), Pinga de Troula (Galegos, Frades), Pandereteiras de Marantes (Santiago), asociación cultural Camiño Real (Poulo, Ordes), asociación cultural de veciños de Leira (Ordes) e escola de música e baile tradicional de Mesía.
Dende a asociación explican que “comezamos coa idea desta foliada no mes de marzo e tivemos momentos de medo e dubidar se facela ou non, xa que non sabiamos a acollida que tería. E, para a nosa sorpresa, tivo unha acollida impresionante xa que 280 persoas quixeron acompañarnos”.