Saturday 16 de November de 2024

O parque Pilar Martínez Viqueira reabre ao público


Durante as últimas semanas o alumnado do obradoiro de emprego Ordes-Frades II realizou todo tipo de labores de arranxo e mellora desta área de recreo, a cal presenta un aspecto totalmente renovado e con maiores medidas de seguridade para os seus usuarios e usuarias

Tras varias semanas pechado ao público o parque Pilar Martínez Viqueira volve abrir as súas portas tras unha importante reforma. Un traballo executado polo alumnado do obradoiro de emprego Ordes-Frades II que, entre outros labores, levaron a cabo a creación de novas áreas e elementos axardinados; colocación de mantos de céspede tanto natural como artificial, así como de alfombras de caucho para maior seguridade dos nenos e nenas; instalación de pasarelas e valos de madeira; construción de paseos de formigón con motivos infantís; reforma dos bancos e do mobiliario urbano xa existente; e a instalación de novos bambáns e xogos infantís. Para concluír tamén se acondicionou o contorno no seu conxunto, ademais do deseño de murais creativos que lle achegan un aspecto lúdico e divertido.

Situado no barrio do Paraíso, nas inmediacións do CEIP ADR Castelao, dende a súa construción no ano 2008 o parque Pilar Martínez Viqueira é unha das áreas de recreo máis importantes para a veciñanza da zona. O seu nome foi escollido en homenaxe á matrona e enfermeira que durante anos exerceu a súa profesión na comarca ordense.