A actividade contou coa asistencia de medio cento de persoas
O programa Un mes e Pico. Ciclo da Mitoloxía e Sacralidade do Pico Sacro continuou a súa andaina o pasado sábado coa proxección dun audiovisual na Capela de San Sebastián. Foron arredor de 50 as persoas que quixeron ver a estrea deste documental dirixido por Rafael Quintía. Tamén acudíu a esta estrea Valentín García Bóveda, do departamento de producción.
A actividade estivo presidida polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, quen valorou moi positivamente o traballo realizado. “Este documental axúdanos a comprender mellor o mito da Raíña Lupa e da translación do Apóstolo Santiago, que tamén teñen como lugar de referencia este Monte Sagrado no que agora nos atopamos”, afirmou.
Ao finalizar a proxección do documental ofreceuse unha breve degustación da cervexa Nasa para todos os asistentes.
Próximas actividades
O Pico Sacro é o eixo condutor do programa Un mes e Pico, que se desenvolverá ata o próximo 29 de xuño. Para este sábado 9 ofrecerase unha conferencia de Rafael Quintía na Capela de San Sebastián ás 20.00 horas. O antropólogo profesional, escritor, documentalista e investigador falará sobre O mito dos mouros e da Moura e a súa relación co Pico Sacro.