Thursday 21 de November de 2024

Cambre destina preto de 70.000 euros a axudas ás entidades culturais


“Estas axudas permiten que estas entidades culturais sigan existindo e cumprindo un papel esencial no noso municipio”

O pasado 20 de novembro oConcello de Cambre asinou varios convenios con entidades culturais do municipio. Nos acordos dos mencionados convenios destínanse unha serie de axudas económicas para que estas entidades poidan seguir desenvolvendo con normalidade a súa actividade. En total a suma das axudas que figuran nos convenios supera os 70.000 euros. En concreto, asinouse un acordo coa Escola de Música Sementeira para a promoción da música no municipio que estipula unha axuda de 55.000 euros. Así mesmo, a Sociedade Recreativa de Cecebre recibirá para realizar a reforma do local de teatro unha axuda de 8.800 euros. Do mesmo modo, a Fundación Wenceslao Fernández Flórez recibirá 8.000 euros para continuar coas actividades a favor da cultura que organizan durante o ano. E finalmente, a Escola de Música e Baile “Ás Mariñas” acordou recibir 3.000,00 euros como estipula o convenio de colaboración co concello de Cambre. Segundo o alcalde, Manuel Rivas, “Estas axudas permiten que estas entidades culturais sigan existindo e cumprindo un papel esencial no noso municipio”, sentenciou.