Sementeira é o nome do campamento de verán que organiza o Concello para as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos. Este ano o fío condutor da actividade será “A vida nas nosas vilas e aldeas”. A rapazada fará obradoiros de artesanía, xogará na piscina, asistirá a sesións de contacontos, visitará unha granxa, irá ao mercado, achegarase á lonxa, debuxará, cantará… e así ata compoñer unha oferta educativa e de entretemento con máis dunha vintena de propostas. O Campamento Sementeira desenvolverase en dúas quendas, unha no mes de xullo e outra no mes de agosto, de maneira que as familias poderán reservar praza para calquera dos dous meses ou incluso para o total do programa, que arranca o 2 de xullo e finaliza o 24 de agosto. O período de preinscrición está aberto entre o 4 e o 22 de xuño e ofértanse un máximo de 30 prazas.
Para apuntarse será necesario entregar no Concello a documentación requirida, que pode descargarse ao pé desta nova. Son tres papeis: a folla de inscrición -que deberá ir acompañada do dni da persoa solicitante e tamén da persoa ou persoas autorizadas para recoller a rapazada-, a ficha médica onde se fan constar datos esenciais para o coidado, como poden ser alerxias ou a indicación dalgún tratamento, e, por último, a folla de autorización referida a datos de carácter persoal e á práctica de actividades acuáticas ou excursións. Ademais, nas descargas tamén se poden obter as bases completas do programa, onde se reflicten todos os prazos, os horarios, a estrutura do campamento e os criterios de prioridade á hora de asignar as prazas.
En cada quenda ofértanse un máximo de 30 vacantes -2 delas reservadas para casos derivados de Servizos Sociais ou urxentes-, que se cubrirán, en primeiro lugar, mirando a data de rexistro da solicitude. Se existisen máis peticións que prazas, o Concello asignará cada unha delas dándolle prioridade ao alumnado do CEIP San Ramón, logo ás familias con algún membro empadroado en Moeche e, en último caso, a familias nas que algún membro teña vinculación laboral no municipio.
Porén, igual que o ano pasado, cómpre ter en conta que haberá dous horarios de luns a venres, un de 9.00 a 14.00h. e outro de 10.00 a 14.00h. e que terán preferencia na obtención de praza quen elixa o horario máis madrugador. Para esa banda horaria -de 9.00 a 10.00h.- só hai 8 prazas dispoñibles. A rapazada apuntada nela terá xogos e obradoiros de lectura ata as 10, cando se incorpore a totalidade de participantes e comecen as actividades conxuntas.
As familias de nenas ou nenos do CEIP poderán efectuar o pagamento do campamento no mesmo período de preinscrición -do 4 ao 22 de xuño-, mentres que no resto dos casos deberán agardar a que o departamento de Benestar Social e Igualdade lles confirme a praza. Os prezos inclúen o almorzo de media mañá, o seguro de accidentes e os custes de excursións e viaxes. O custe mensual da actividade vai desde os 45 até os 120€ mensuais, dependendo das opcións elixidas e do número de membros dunha mesma familia que participen na actividade.
A documentación ha de presentarse na Casa do Concello ata o 22 de xuño, en horario de 8.30 a 14.30h. de luns a venres. Para obter máis información pode consultarse o apartado de Programas Municipais ou chamar ao departamento de Benestar Social e Igualdade, 981 404 006 ext. 1. O programa Sementeira conta con financiamento da Deputación da Coruña.