Haberá espazos comúns como a sala de reunións e de formación, con capacidade para 21 persoas
A Deputación da Coruña aprobará no pleno ordinario un convenio de colaboración co Concello de Melide polo que colaborará coa creación dun viveiro de empresas no municipio. En concreto, o ente provincial colaborará con 30.000 euros para habilitar un espazo do edificio multiusos para este fin.
Alí se lle ofrecerá unha acollida temporal a empresas de nova creación para facilitarlles os seus primeiros pasos no mercado e prestarlles determinados servizos adaptados a cada proxecto empresarial. Polo tanto, con este programa se lles ofrece tanto un espazo físico coma servizos de formación e asesoramento co obxectivo de aumentar as súas expectativas de supervivencia.
A través desta iniciativa se diversificará a estrutura produtiva local ao favorecer a instalación de empresas de carácter innovador, ás que se lles ofrecerán condicións de prezo e servizos axeitados ata que empecen a ser competitivas e poidan empezar a traballar nas condicións que oferta o mercado. Tamén se axudará a aqueles proxectos que, polas características da súa actividade empresarial, non precisen dun espazo físico no que localizarse, pero si doutra infraestrutura loxística e servizos ofertados polo viveiro.
En resumo, neste espazo se facilitarán os inicios aos novos emprendedores e profesionais apoiando ás pequenas empresas e asesorando tecnicamente aos que se instalen, ou vaian a facelo, no viveiro. Para iso desenvolveranse programas formativos executados dende a Cámara de Comercio, para proveito das empresas da zona, coordinando as actuacións de información e asesoramento.
Instalacións
Os novos locais terán unha superficie de 15 a 20 metros cadrados e estarán equipados con mobiliario e cos servizos de iluminación, electricidade, climatización, teléfono e comunicacións. Ademais, haberá espazos comúns coma a sala de reunións, as distintas aulas e o departamento de administración e secretaría. A área de reunións servirá tamén coma a clase de formación e terá unha capacidade para 21 alumnos.
Por último, se habilitarán zonas para a asesoría xurídica, xestión de calidade, medioambiente, prevención de riscos laborais, internacionalización, etc.
Coa achega da Deputación se financiará o 20% do orzamento total de 150.000 euros.