Composta por 44 imaxes, a mostra abrirá ata o 13 de decembro
O Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira acolle dende onte unha nova exposición. Neste caso, de fotografía: Introvisións, formada por un total de 44 instantáneas tomadas polos alumnos ás dúas últimas promocións do Ciclo Medio de Fotografía do IES Virxe do Mar de Noia.
Para inaugurar esta mostra que se manterá aberta ata o día 13 de decembro, compareceron no centro cultural o alcalde Manuel Ruiz, a concelleira Elvira Pisos e, no nome do instituto, a profesora e comisaria da exposición Montse Pernas e a xefa de estudos Teresa Rodríguez. Entre os asistentes, artistas como Manuel Ayaso, Pilar Ageitos o Paco Casal.
Completa
Esta é a primeira vez en que se amosa a exposición de xeito completo. Con anterioridade, fora exposta de forma parcial nos municipios de Lousame, Boiro e Noia.
Tal e como explicou Montse Pernas, a mostra está composta por 42 imaxes dixitais, unha analóxica e un pirogravado, froito do traballo de fin de curso dos alumnos do ciclo formativo. Todas elas posúen unha mesma temática: a xuventude. Así, 24 mozos e mozas “reiterprétanse a si mesmos como colectivo e como individuo, nunha mostra que alude a identificacións grupais, tendencias, etiquetas, estereotipos e contrapotencias”.
Manuel Ruiz expresou a súa satisfacción por ver como a xuventude é quen de transmitir por medio da arte a súa visión das cousas e como busca o xeito de cambialas. Así mesmo, convidou á poboación a visitar esta exposición, a décima xa no que vai de ano que se exhibe no Lustres Rivas.