O lado naronés do paseo marítimo de Xubia acolle desde esta tarde a decimoterceira edición da concentración motorista que organiza o Moto Club Fojeteiros. Serán tres días de festa, exhibicións, de lucimento de monturas e tamén de rutas por toda a comarca. A primeira delas sairá ás 11.15h. para achegarse a Cedeira e, posteriormente, a iso das 13.00h., recalar en Moeche, onde a comitiva moteira visitará o castelo e xantará na área recreativa de Soutogrande. Debido ao alto número de participantes que se agardan -máis de 300- o entorno da pisicina municipal estará cortado ao tráfico entre a unha e as cinco da tarde.
A concentración é todo un espectáculo para calquera, teña ou non afección ao mundo das motos. A organización do evento deseñou un programa onde a moto e a cultura que existe arredor dela son protagonistas, pero tamén actividades paralelas que poden consultarse na súa web, www.motoclubfojeteiros.com. A base da concentración é o paseo marítimo de Xubia -detrás da igrexa de Santa Rita-, onde están asentadas as carpas da organización para os concertos desta noite e de mañá, así como o recinto das exhibicións previstas e a área de estacionamento. Alí poderemos ver as evolucións de ases das dúas rodas e motos de todos os tipos, cilindradas e tamaños.
Con todo, unha das partes máis rechamantes serán as rutas pola zona. Hai tres programadas: unha pola costa de Ferrolterra, outra nocturna pola estrada de Castela e, a que a nós máis nos interesa, que sairá da sede do evento ás 11.15h. deste sábado con destino a Cedeira. E é que despois de facer parada nesa vila, a caravana de arredor de 300 motos emprenderá o camiño ata Moeche subindo ao Campo do Hospital, tirando logo pola estrada de Ortigueira e pillando finalmente a estrada provincial CP-4904. Preto do antigo Concello desviaranse á dereita e baixarán ao castelo. Prevese que cheguen á fortaleza sobre as 13.00h., onde farán unha visita de arredor de 45 minutos.
Tralo percorrido polo castelo, a comitiva motorista trasladarase á área recreativa de Soutogrande -14.00h.- e volverá facer parada para xantar ata aproximadamente as 16.00h., momento no que retomarán o itinerario de volta ao paseo marítimo de Xubia. Por este motivo, e dada a participación que se agarda, a estrada que comunica coa piscina de Moeche permanecerá cortada entre as 13.00 e as 17.00h.