Friday 22 de November de 2024

O Festival do Río Castro presenta este sábado a súa 25ª edición


O próximo 7 de xullo o lugar da Bóla, en Naraío, volverá ser punto de encontro para a música galega e o lecer familiar nunha nova edición, e van 25, do Festival do Río Castro. A cita celébrase sempre o primeiro sábado do mes de xullo, pero un mes antes a asociación veciñal O Castelo de Narahío adoita presentar o deseño do cartel e o programa completo. Esa presentación terá lugar este sábado a partir das 18.00h. no local social da Veiga e, de novo, combinará os xogos tradicionais, un espectáculo didáctico e a degustación de xamón escaldado antes de rematar a xornada cunha repichoca popular.

A presentación do XXV Festival do Río Castro arrancará co campionato de brilé que se disputará no campo de fútbol entre os equipos -sempre mixtos- que se anoten ata escasos minutos antes do comezo. Para o ganador haberá premio, que adoita ser algún doce ou produto agroalimentario da nosa zona.

Dependendo do número de participantes, o campionato pode durar máis ou menos, pero é difícil que pase das 19.30h. Por iso se puxo para esa hora a presentación do programa que este ano, co gallo dos 25 festivais ininterrompidos, promete ser cumprido en grupos e en calidade e tamén “reservar algunha que outra sorpresa”, tal e como adiantan desde a asociación sen dar moitas máis pistas. Si nos comentan que o deseño da imaxe -obra do artista gráfico Juanlu Fernández- “evoca a orixe do festival, aló polo 1994”. No transcurso da presentación tamén se poderá ver o vídeo promocional do festival realizado por Roberto Grandal, que a entidade difundirá a través das redes sociais desde o serán deste mesmo sábado.

O Castelo de Narahío sempre inclúe na presentación do cartel anunciador unha charla ou espectáculo arredor do patrimonio musical ou cultural galego. Este ano convidaron a Montse Rivera -compoñente de Leilía e Pesdelán e membro do xurado no Vai de Baile! do Luar- para que presente o seu “Cóntoche un traxe”. A partir das 20.00h., Rivera proporanos unha viaxe moi participativa polas vestimentas tradicionais galegas e tamén polas coplas, poesías e cantares asociados a elas.

Veremos imaxes de distintas prendas do século XIX e do seu proceso de confección. Mesmo poderemos tocar os tecidos e, ademais, dúas persoas voluntarias rematarán a tarde coa mesma roupa que usaban as nosas tataravoas e tataravós.

Ao remate de “Cóntoche un traxe”, sobre as 21.00h., a asociación servirá de balde pinchos de xamón escaldadoen abundancia e, posteriormente, abrirá o momento da repichoca popular á que está convidada calquera persoa con gana de botarlle unha peza á gaita, á pandeireta, ao acordeón, etc.

O festival, o sábado 7 de xullo
O do Río Castro é un dos eventos máis concorridos e tamén máis veteráns do calendario cultural en San Sadurniño. Celébrase sempre o primeiro sábado do mes de xullo e nesta ocasión, polas cousas do calendario, vai cadrar co San Cristovo de Ferreira, como xa ten ocorrido outras veces.

O Castelo de Narahío conta cun orzamento duns 15.000 € para levar adiante o festival das 25 edicións. Un importe que se sufraga en parte coas achegas da liña de subvencións anuais para entidades do Concello de San Sadurniño, co programa de subvencións para festivais promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña e cunha colaboración económica da Cooperativa de Meirás.