Os afeccionados ao ciclismo na natureza teñen unha cita na IX Ruta Río Ulla en BTT, que terá lugar o próximo domingo, 3 de xuño, a partir das 9.30 horas. A esa hora está previsto o inicio da proba, que partirá da sede do Concello de Touro, en Fonte Díaz, e que organiza o propio Concello. Os participantes percorrerán 30 quilómetros por plena natureza e acompañando en boa parte do percorrido o curso do río Ulla ao seu paso polo Concello de Touro.
A ruta, xa consolidada no calendario de probas de BTT, ten unha calificación de dificultade técnica/física: media/alta. O Concello de Touro, organizador da proba, anuncia que haberá premios para todos os participantes. Colaboran tamén a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, as Casas de Turismo Rural de Touro e a Imprenta Ayude de Arzúa.