Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño destinará o Fondo Ambiental a reforzar a rede de abastecemento de auga


San Sadurniño recibiu para este 2018 un total de 34.280 euros procedentes do denominado Fondo de Compensación Ambiental, a través do que se financian con cartos do canon eólico actuacións relacionadas co ambiente, a sostenibilidade ou o mellor aproveitamento dos recursos. A cantidade asignada ao consistorio dedicarase á construción dunha nova conexión hidráulica entre a potabilizadora da Agra de Arriba e o lugar de Vilafiúnce, cun custo estimado superior aos 37.000 euros. A obra permitirá reforzar o abastecemento na zona e tamén na de Cornide, ademais de axudar a mellorar a xestión de toda a rede de subministración no centro urbano e nos lugares dos arredores.

O novo ramal de abastecemento busca, en primeiro lugar, dotar dun maior caudal e presión a zona pola que discorrerá, xa que se prevé instalar unha nova condución de 90 mm. de diámetro, acompañada dun entramado de tubaxes conectados a el que, ademais, permitirá sectorizar a zona da Agra, do Campo da Feira e de Vilafiúnce no caso de que haxa algunha avaría. Isto quere dicir que, de producirse unha rotura ou precisarse algunha reparación, non será necesario cortar a auga en toda a rede, senón só nas proximidades da parte afectada.

A infraestrutura soterrada cubrirá algo máis de 1.200 metros de distancia. Baixará desde os depósitos da potabilizadora da Agra de Arriba ata cruzar a estrada provincial que vai a Santa Mariña do Monte e, desde ese punto, continuará pola Agra en paralelo á pista ata chegar a Vilafiúnce, que ata agora se abastecía da condución que vén pola beira da estrada de Pedroso. Visto desde arriba, o que se fai é pechar un círculo coas tubaxes da subministración de auga municipal, coa finalidade de continuar ampliando a rede e de facela máis eficiente.

Por outra banda, a conexión en Vilafiúnce da nova infraestrutura hidráulica co cabo da rede actual servirá tamén para dotar de maior capacidade de subministración a Cornide, algo que notarán especialmente as vivendas máis elevadas do lugar.

O importe total da obra está cifrado nun prezo de saída de 37.861,72 €. O Concello agarda licitar os traballos en breve. O finanzamento provén do Fondo de Compensación Ambiental, sustentado co canon anual que pagan as empresas eléctricas con aeroxeradores e liñas de evacuación nos municipios galegos.

O Fondo conta con dúas liñas, unha cun importe fixo e outra á que os concellos poden acceder en concorrencia competitiva. Na distribución da primeira, a San Sadurniño correspondéronlle 34.280 euros. Unha cantidade que volve baixar con respecto á percibida o ano pasado dentro da convocatoria non competitiva.

Tal e como explica o alcalde, Secundino García, “do que pagan as eléctricas, a Xunta queda con aproximadamente cun 60% mentres que o 40% restante é o que vai para distribuír entre os municipios para que executen proxectos relacionados coa sustentabilidade ambiental ou enerxética. En 2016 levamos na liña non competitiva cerca de 37.000 euros, en 2017 baixou a 35.500 e este ano percibiremos 34.280. En dous anos reduciusenos a achega en 2.700 euros, que para un municipio pequeno coma o noso son moitos cartos”. Neste sentido, o rexedor volve insistir na súa demanda de que o canon eólico “revirta directamente en cada municipio e con contías que realmente compensen o impacto que soportan os concellos con parques eólicos”.