Un total de dez veciños e veciñas de Touro aprenderon o pasado fin de semana a manexar o desfibrilador. Durante toda a xornada do sábado os participantes coñeceron as nocións básicas sobre primeiros auxilios e, xa pola tarde, asistiron a un curso para aprender a manexar o desfibrilador, formación imprescindible en todos os ámbitos da vida. O curso foi impartido por expertos da Cruz Vermella en xornada de mañán e de tarde na Casa da Cultura de Touro. O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, foi o encargado de entregar os diplomas de asistencia no remate do curso. O alcalde destacou o interese que despertou este curso e tamén indicou a súa utilidade. Entre os asistentes estivo a concelleira de Deportes, Adela Iglesias, e o técnico de Deportes do Concello de Touro, Xosé Manuel Puga García. O Concello instalou a inicios de ano un desfibrilador nas instalacións municipais do Campo de Fútbol de Loxo (Concello de Touro). As instalacións deportivas municipais de Loxo son utilizadas ao longo da temporada por nove equipos da SD Touro de diferentes categorías e tamén acuden moitos afeccionados a presenciar os partidos. É o primeiro desfibrilador que se instala no Concello e foi financiado pola administración local de Touro.