Friday 22 de November de 2024

“Transformando en Brión” ofrece a agricultores e gandeiros da comarca un espazo colaborativo onde elaborar e vender os seus produtos con todas as garantías legais e sanitarias


As próximas presentacións terán lugar mañá xoves 31 de maio no teleclube de Ons e o 5 de xuño no local social de Soigrexa, ás 10:30 h

Unha trintena de persoas (procedentes na súa maioría de Brión pero tamén de municipios próximos como Ames, Rois, Lousame ou Noia) participaron na presentación do proxecto “Transformando en Brión”, que inclúe dúas iniciativas colaborativas dirixidas a pequenos agricultores e gandeiros da contorna e que se van levar a cabo no municipio: o centro de transformación de alimentos de Monte Balado e o matadoiro móbil de aves e coellos. Dúas iniciativas pioneiras en Galicia promovidas polo Concello de Brión, que conta co apoio da Deputación da Coruña e do GDR Terras de Compostela.

Carmen Freire, enxeñeira técnico agrícola e labrega; María Pilar García, veterinaria; e Dora Vieiro, ADL de Brión, presentaron un proxecto que “pretende que os agricultores e criadores de aves e coellos poidamos ser produtores de alimentos e chegar aos consumidores. Agora podemos arranxar unha venda cun veciño, pero non podemos facelo con restaurantes, comedores escolares, pequenas tendas… Transformando en Brión é un proxecto piloto que nos ofrece a infraestutura necesaria para poder facelo, cun rexistro sanitario común e as autorizacións sanitarias precisas”, explicou Carmen Freire.

Así, o centro comercial Monte Balado acollerá unha cociña colaborativa onde os veciños e veciñas poderán elaborar produtos transformados cos ingredientes e receitas tradicionais pero que, unha vez rematados, cumprirán cos requisitos legais establecidos para a súa venda en tendas, restaurantes, colexios, mercados… Unha cociña onde preparar tanto alimentos frescos (hortalizas, froitas, cereais, legumes, cogomelos, leite, ovos, mel…) como transformados (conservas da horta ou de froitas, zumes, panificados, repostería, lácteos, embutidos, comidas preparadas…). “Só hai dúas iniciativas en Galicia que fan zumes. Nós teremos unha zona na cociña con máquinas para triturar, pasteurizar e envasar os nosos propios zumes”, engadiu Carmen Freire, quen salientou que “o modelo de xestión dependerá do que queiramos facer as persoas que botemos a andar o proxecto”.

Destino

As poñentes insisten na crecente demanda de produtos caseiros e/ou ecolóxicos para comedores escolares, mercados labregos (Ribeira, Boiro, Santiago, Teo) e tradicionais (Padrón, Noia, Negreira, Ames), feiras gastronómicas, centros comerciais abertos, restauración de calidade, pequeno comercio, familias preocupadas pola alimentación e a saúde… Uns mercados aos que non podían acceder ata o de agora.
Así mesmo, presentaron un segundo proxecto de matadoiro móbil para aves e coellos, que irán polas casas que soliciten o servizo ben para autoconsumo ben para poder vender a carne coas preceptivas autorizacións sanitarias actuais. Trátase dun vehículo adaptado que se pode conducir cun simple B-1 que permite preparar unha media dunha ducia de aves ou coellos por hora, de forma totalmente hixiénica. Unha iniciativa que se importa de Italia, xa que Brión será pioneiro na súa implantación en España.

Ambos proxectos están abertos á participación de todas as persoas que o desexen, tanto sexan veciños ou veciñas de Brión como das comarcas limítrofes, para os que está prevista unha segunda presentación o sábado 2 de xuño, ás 10:30 horas, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión. A maiores, o Concello de Brión seguirá achegando a iniciativa aos veciños e veciñas das súas parroquias, con charlas no teleclube de Ons (31 de maio), na antiga gardería de Bastavales (5 de xuño) e na sala de exposicións da Casa da Cultura (7 de xuño), nos tres casos ás 10:30 horas.