A actividade comezará ás 11.00h. no local social da Veiga con entrada libre
O enxeñeiro Ramiro Martínez ofrecerá este sábado a partir das 11.00h. no local social de Naraío unha charla centrada na praga da avespiña do castiñeiro que ameaza xa a media Europa. Martínez falará sobre o ciclo vital e os métodos de loita contra deste parasito capaz de reducir ata nun 80% a produción de castañas e mesmo de acabar matando a árbore. A charla está organizada polo Concello en colaboración coa Asociación Galega da Froita Autóctona do Eume.
O seu nome é Dryocosmus kuriphilus e é unha avespa pouco máis grande ca un gran de arroz. Crese que chegou a Italia hai uns quince anos nunha remesa de planta parasitada procedente da China. A súa propagación foi inmediata e case imparable dado que na especie non hai machos, senón só femias que se replican con cada posta de ovos.
O insecto pon no verán nas xemas dos castiñeiros e trala eclosión incial as súas larvas van medrando no interior dun avultamento visible nas pólas ou no envés das follas que, a medida que pasa o tempo, tamén vai incrementando o seu tamaño ata converterse nunha bugalla. Dela sairán á primavera seguinte as avespas adultas. O problema para a planta non é tanto o animal causante, senón a bugalla, que lle provoca a caída das follas e a imposibilidade de producir froito.
Para loitar contra da praga só hai tres vías: a prevención nos viveiros destruíndo planta que poida estar afectada, a corta e queima de pólas ou árbores enteiras ou a solta masiva de inimigos naturais coma o Torymus sinensis, un insecto tamén asiático que parasita os ovos da avespa.
Este último método, o da loita biolóxica, é o que a Xunta está probando desde hai tres anos, aínda que tamén presenta inconvenientes. O primeiro é que fai falla soltar os Torymus nun momento determinado da fase de incubación dos ovos da avespiña que non sempre é o mesmo en todas as árbores dun mesmo souto. O segundo, que se trata dunha especie de fóra e a súa introdución masiva pode ter repercusións negativas no ambiente e noutros insectos autóctonos. Esta é a razón de que, polo momento, só poida facer soltas a Administración autonómica malia a insistencia do sector en que o Ministerio de Agricultura autorice o uso xeralizado do depredador. Medio Rural anunciou recentemente que nesta campaña se ceibarán cerca de 800.000 exemplares de Torymus sinensis.
Estas serán algunhas das cuestións que se tratarán na charla programada pola AGFA do Eume e o Concello para a mañá deste sábado -11.00h.- no local social de Naraío. O enxeñeiro técnico agrónomo e viveirista Ramiro Martínez explicará como se reproduce a avespiña e os danos lle ocasiona aos castiñeiros. Martínez tamén mostrará a maneira de identificar a presenza da praga e os momentos do seu ciclo vital, así como as medidas profilácticas que se deben adoptar para limitar no posible o seu avance. A actividade é gratuíta e non require inscrición previa.