Friday 22 de November de 2024

A Xunta informou esta mañá ao concello da Coruña que en próximas datas haberá unha reunión sobre Transporte Metropolitano


Lamentamos que o Concello da Coruña non transmitise esta información aos rexedores reunidos na Mesa de Alcaldes

A Xunta de Galicia informa en relación coa reunión da Mesa dos Alcaldes, que tivo lugar no Concello da Coruña, que dende a Xunta de Galicia se lle informou ao xefe de gabinete da Alcaldía da Coruña que en próximas datas haberá unha reunión cos alcaldes desta Mesa coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda para falar do transporte metropolitano e para escoitar as súas propostas. Lamentamos que o alcalde herculino non lle trasladase esta información aos rexedores reunidos na Coruña.

Dende a Xunta de Galicia reiteramos a nosa vontade de manter unha postura construtiva e de colaboración institucional con todas as administracións. Neste senso entendemos que é necesario en temas complexos como o transporte metropolitano avanzar por fases e con pasos firmes, especialmente tendo en conta que a competencia de xestión deste ámbito corresponde á Administración Autonómica.

Así mesmo é preciso lembrar os pasos importantes xa dados neste ámbito como a posta en marcha, con éxito esta mesma semana, do Plan completo de entrada dos buses interurbanos ao centro da cidade ou a predisposición da Xunta de Galicia a apoiar a entrada dos autobuses interurbanos e dos buses urbanos da Coruña ás praias do Oleiros.

Tamén hai que lembrar que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda renovou o pasado mes de abril o Plan de transporte metropolitano da Xunta de Galicia en A Coruña, co acordo unánime de todos os concellos e cunha achega autonómica de 3,8 millóns de euros para 2019. Este acordo permite continuar coa implantación, con éxito, de Tarxeta Xente Nova que xa chega a 14.000 coruñeses ou o abaratamento do billete interurbano ata un 70%, chegando a aforros anuais de 700 euros. Este Plan conta cunha comisión de seguimento na que participan 17 concellos.

Ademais desde a Consellería de Infraestruturas e Vivenda están traballando con éxito na recollida de propostas para renovar o Plan de Transporte Público de Galicia, que se atopa en estes momentos a exposición pública, co fin de poñelo en funcionamento en 2019.

Dende a Xunta de Galicia entendemos que as iniciativas sobre transporte deben vir precedidas de consensos tanto no ámbito local, neste caso no pleno da Coruña, como no ámbito metropolitano, con acordos previos de todos os alcaldes implicados, sobre cara onde se quere camiñar, cales son obxectivos de todos e como conseguilos.