Saturday 16 de November de 2024

Último día para apuntarse á excursión polas terras do Deza organizada polo Concello de San Sadurniño


A ONU declarou o 5 de xuño como Día Internacional do Medio Ambiente. Unha data coa que se quere concienciar sobre o coidado do planeta e alertar sobre o necesario cambio de hábitos que debe darse no mal chamado “primeiro mundo” para non esgotar os seus recursos nin tampouco acabar cos ecosistemas. San Sadurniño volve organizar unha viaxe a medio camiño entre o lúdico, o ambiental e o cultural para sumarse a este chamamento mundial. Desta vez os lugares elixidos serán Lalín e Silleda, e a data o domingo 3 de xuño. Alí visitarase o mercado quincenal, o Pazo de Liñares e, tralo xantar, tamén se fará parada no mosteiro de Carboeiro e na Fervenza do Toxa. O bus, que sairá ás 9.00h. de diante do Concello, é gratuíto e o xantar en Silleda ten un prezo de 14€. Este mércores día 30 é o último día para apuntarse chamando chamando ao 981 490 027.

A excursión permitirá descubrir algúns dos lugares máis fermosos da zona centro de Galicia, pero tamén achegarse a un dos municipios máis puxantes economicamente do interior do país. De feito, ademais da industria e os servizos, a capital do Deza tamén ten no seu mercado dos días 3 e 18 de cada mes un importante referente comercial para toda a comarca.

Esa será a primeira parada da viaxe organizada polo Concello para o domingo 3 de xuño. O autobús partirá a iso das 9.00h. da parada que hai diante do aparcadoiro do centro de empresas e aproximadamente hora e tres cuartos despois chegará a Lalín con tempo libre para visitar o mercado e, xusto antes de xantar, achegarse ao Pazo de Liñares. O inmoble do século XVII conta cunha arquitectura barroca espectacular e tamén é sede de dúas exposicións permanentes, unha sobre arqueoloxía vencellada ao Museo de Pontevedra, e outra de monicreques, a única que existe en Galicia.

Trala visita ao pazo, a viaxe emprenderá a volta ata Silleda, onde está previsto xantar. O prezo do prato son 14€ no restaurante que hai reservado -O Coteliño- , aínda que quen o prefira poderá botar man doutras opcións que hai na vila.

Desde Silleda o autobús reanudará a marcha despois da sobremesa para facer a cuarta parada da xornada, na que se visitará sen saír do municipio o Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, situado en plena fraga nunha das voltas do río Deza. O mosteiro é unha construción clave para descubrir a arquitectura románica en Galicia e tamén un dos principais atractivos dunha zona de por si moi valiosa desde o punto de vista ambiental onde se conservan case intactas amplas masas de bosque autóctono.

Preto de alí atópase outro dos grandes puntos turísticos da zona: a Fervenza do río Toxa, afluente do río que lle dá nome a toda a comarca. Con 60 metros de caída libre esta é a cascada máis alta de Galicia, e un espectáculo natural incomparable rodeado de vexetación onde o bosque Atlántico aparece salpicado con especies propias do clima Mediterráneo.

A fervenza e o entorno natural do Toxa marcarán o punto desde onde se emprenderá a viaxe de retorno a San Sadurniño, a onde se prevé chegar sobre as 20.00h.

A excursión é gratuíta -quen queira só deberá pagar o seu xantar- e para asistir a ela pódese chamar ata este mércores, día 30 de maio, ao 981 490 027.