Saturday 16 de November de 2024

A V Carreira popular de Moeche empeza a contar inscricións


Moeche prepara xa a quinta edición da súa carreira popular, que se desenvolverá na tarde do sábado 9 de xuño con saída e chegada diante da Casa do Concello. Máis ca unha competición, a carreira é unha festa deportiva con probas adaptadas a todas as idades, desde os 200 m. que deberán correr os nenos e nenas máis pequenas -a categoría Pitufos- ata os 6,5 Km. da proba absoluta, na que se encadrarán da categoría Senior en diante. O prazo de inscrición nesta carreira integrada no circuíto “Corre polo Norte” está aberto ata o día 7 de xuño ás 23.59 h. a través da web www.prueba-t.es e debe terse en conta que o límite se fixou en 350 deportistas. A participación é gratuíta para as persoas nacidas a partir do ano 2.000, mentres que para o resto o custe serán 4€.

A carreira ten como finalidade promocionar o deporte e un estilo de vida saudable. Non haberá premios en metálico, pero si agasallos para todas as persoas inscritas e trofeos para quen chegue antes á meta en cada categoría. Ademais, o evento forma parte do circuíto de carreiras Corre polo Norte, con probas similares en Cedeira, Cariño, Valdoviño, Cerdido, Ortigueira e Mañón. De feito, a seguinte será a Volta ás Forcadas, xusto un día despois da cita de Moeche.

A popular comezará ás 18.00h. dándolle a saída á categoría de Pitufos, deseñada cun trazado de 200 metros para nenas e nenos nados entre 2011 e 2016. Dez minutos despois o asubío soará para Benxamíns femininos e masculinos -anos 2009 e 2010-, neste caso sobre unha distancia de 500 metros. Á categoría Alevín -2007 e 2008- daráselle a saída ás 18.20h. e ás 18.30h. farase o propio coa de Infantil -2005 e 2006-, en ambos casos cun percorrido de 1 quilómetro. A penúltima proba -18.40h. e 2.000 m.- será a Cadete, reservada á rapazada que nacese entre 2001 e 2004.

A carreira absoluta dará comezo ás 19.00h. englobando as categorías Veterán B -1966 e anos anteriores-, Veterán -de 1967 a 1983- e Senior, onde se xuntarán participantes femininas e masculinos nacidos entre os anos 1984 e 2.000. Nese caso a distancia serán 6.500 metros, discorrendo pola capital municipal e por pistas dos arredores. Agás esta última proba, e dependendo das distancias, todas as demais desenvolveranse na zona urbana de San Ramón.

As bases da proba popular poden descargarse da web onde se terán que facer as inscricións, www.prueba-t.es, desde onde se nos redirixe a www.ranckr.com para ver o listado completo de participantes e mesmo efectuar o pagamento dos 4€ que só deberán facer as persoas maiores de 18 anos. Cómpre non deixar a inscrición para última hora, xa que hai un límite de 350 participantes que logo se ha cubrir.

Para obter máis información ou consultar calquera dúbida pódese chamar ao teléfono 639 417 975 ou remitirlle un correo ao técnico municipal de deportes daniel.feijoo@moeche.gal.

A organización da V Carreira popular Concello de Moeche conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Protección Civil, Lácteos Moeche, Supermercado O Cruce, Supermercado Moeche e Supermercado Ubaldo.

Horarios e distancias:

CATEGORÍA

ANO NACEMENTO

DISTANCIA

SAIDA

Pitufos M/F

2011-2012-2013-2014-2015-2016

200 m

18:00

Benxamín M/F

2010-2009

500 m

18:10

Alevín M/F

2008-2007

1000 m

18:20

Infantil M/F

2006-2005

1000 m

18:30

Cadete M/F

2004 – 2003 – 2002 – 2001

2000 m

18:40

Absoluta M/F

2000 e anteriores

Senior 2000-1984
Veterán 1983-1967
Veterán B 1966 e anteriores
6500 m

19:00