Estivo acompañada por sendeiristas de Senda XXI, que este domingo cubriron a cuarta etapa da Travesía Corrubedo-Obradoiro: Iroite-Noia
A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, inaugurou este domingo a rehabilitación das escaleiras das Arribadas, realizada polo Concello lousamiá na localidade de Guiende. Un acto enmarcado dentro da cuarta etapa da Travesía Corrubedo-Obradoiro, organizada pola asociación deportiva e cultural Senda XXI, e que levou a máis dun cento de camiñantes dende o Iroite ata a vila de Noia.
Pouco despois de iniciar o seu camiño, os camiñantes fixeron unha parada na aldea de Guiende onde, acompañados coa música do grupo local “O son do Pote” (Tállara), asistiron a un breve acto de inauguración da rehabilitación das escaleiras das Arribadas, que comunica as aldeas de Guiende e Tállara. Teresa Villaverde, acompañada da presidenta de Senda XXI, Manoli Filgueira, e dun par de rapaces que participaban no roteiro foron os encargados de cortar a cinta de inauguración.
Teresa Villaverde sinalou que a actuación realizada nas Arribadas “forma parte dun traballo que estamos desenvolvendo dende o Concello de Lousame para recuperar e poñer en valor as distintas rutas de sendeirismo e espazos naturais que temos no noso municipio. Somos conscientes de que hai moito por facer, pero seguiremos recuperando cousas segundo poidamos”. Pola súa banda, Manoli Filgueira salientou que tanto o acto como o feito de que a ruta pasara por Guiende busca “recoñecer os pequenos recunchos con encanto, como son as escaleiras das Arribades en Lousame, para que volvan saír á luz”.
O proxecto de recuperación das escaleiras de Tállara a Guiende naceu nunha moción conxunta do Pleno Municipal de xullo de 2016, que acordou dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio para a realización de actuacións para a posta en valor deste ben cultural.
Visita a Noia
Tras a súa escala en Guiende, os sendeiristas seguiron camiño por Lousame polo sendeiro do regato do Codorneiro e polo sendeiro natural do río Lobo. A iso das 14:00 horas, e tras 18 quilómetros de camiñata na que pasaron polo dolmen da Cova da Moura e o Camiño Real, foron recibidos polo alcalde, Santiago Freire, e pola concelleira de Benestar e Servizos Sociais, Marisol Villar. Unha recepción que tivo lugar diante da escultura conmemorativa do 850 aniversario de Noia, emprazada na Porta da Vila e realizada polo artista Alberto Rodríguez Louro, onde os camiñantes aproveitaron para repoñer forzas cun almorzo.
A quinta etapa da Travesía Corrubedo-Obradoiro terá lugar o vindeiro10 de xuño, polo que as inscricións estarán abertas ata as 23:59 horas do xoves 7 de xuño en http://travesiasendaxxi.galitiming.com/. O prezo da etapa é de 7 euros. Máis información en www.andainas.com ou por WhatsApp no teléfono 637 954 090.