O Concello agarda que durante estes días empecen a chegar as notificacións do Catastro referidas ao proceso de regularización de bens iniciado de oficio en San Sadurniño por este organismo dependente do Ministerio de Facenda. A regularización supón a alta automática daqueles inmobles que non constasen nas bases de datos do ente estatal e, ao mesmo tempo, a obriga de pagar 60€ por cada ben dado de alta, ademais da contribución dos últimos catro anos. Para que a veciñanza poida “defender os seus dereitos”, o Concello porá en marcha a partir do 4 de xuño unha oficina a través da que solventar dúbidas e preparar as alegacións das persoas afectadas. Trátase dun servizo gratuíto que atenderá os luns, mércores e venres entre as 10 e as 15.00h. na oficina situada ao pé do salón de plenos.
Foi no penúltimo día do ano 2016 cando o Boletín Oficial do Estado anunciou o listado dos 79 concellos galegos -un deles San Sadurniño- afectados polo proceso de regularización catastral emprendido polo Ministerio de Facenda e Función pública. En todos os casos o Estado está dando de alta de oficio aquelas edificacións de máis de 15 m² que non consten nos rexistros das xerencias territoriais, incluídas palleiras, galpóns e cortes que noutro tempo formaron parte de explotacións agrarias pero que hoxe xa non están vencelladas a ningunha actividade económica.
Ademais, malia actuar de oficio, o Catastro esixirá o pagamento dunha taxa de 60 euros por cada construción que dea de alta, e tamén será necesario satisfacer os atrasos da contribución dos últimos catro anos. Xa no momento da súa publicación no BOE o anuncio causou malestar no Concello polo feito de que o pleno municipal acordara meses antes solicitarlle ao ministerio que San Sadurniño quedase fóra da regularización.
As razóns expostas no pleno -e tamén nun escrito remitido á Xerencia Rexional do Catastro no mes de abril de 2016- argumentaban a petición en que no municipio xa se fixera unha regularización catastral entre os anos 2011 e 2015 e, ademais, que San Sadurniño se encontraba inmerso na tramitación do seu PXOM, circunstancia esta última que aconsellaría agardar a que o planeamento estivese aprobado -coa conseguinte variación nas cualificacións urbanísticas- para facer calquera revisión.
Porén, o Estado non atendeu ningunha das dúas demandas acordadas en pleno por unanimidade dos tres grupos municipais, de xeito que San Sadurniño tamén entrou formar parte dunha regularización que agora, co envío das notificacións aos titulares afectados, se empezará a aplicar efectivamente.
Segundo o concelleiro do ramo, Suso Soto, a o proceso iniciado polo Catastro “onde máis se vai notar é nas depencias agropecuarias, que estiveron exentas da contribución ata 2013. Botando man principalmente de cartografía aérea e imaxes de alta resolución, o Ministerio de Facenda incorporou ás súas bases de datos todas as construcións que pasen de 15 m², formen parte ou non dunha explotación en activo”. Soto cualifica o procedemento como “inxusto” engandindo ademais que lle afectará “principalmente a cuadras, palleiras, galpóns que non estaban pagando e que a partir de agora van ter que pagar”.
O edil sinalou tamén que o catastrazo “prexudicará a persoas que en moitos casos son pensionistas ou xubiladas que tiveron no seu día unha explotación pero que nestes momentos xa non a teñen”. Suso Soto fala dun “ánimo recadatorio” do goberno estatal a través da contribución que se vén sumar “á suba do 10% decretada polo goberno estatal en 2011” e á que haberá que engadirlle “unha taxa de 60 euros por cada alta nova que dea o Catastro”. Taxa esta última que tamén cobrará o Ministerio de Facenda no caso dos bens que aínda non estean regularizados.
Porén, segundo o Concello, as notificacións que empezarán a chegarlles aos afectados nos próximos días -unhas 700, segundo puido saber o executivo local- “tamén poden conter erros, posto que nunha fotografía satelital unha simple lona no chan pode ser confundida cunha nova construción”.
Por este motivo, o Concello habilitará desde o luns 4 de xuño un servizo de asesoramento gratuíto dirixido a persoas que recibisen as notificacións de regularización. A oficina abrirá os luns, mércores e venres ao carón do salón de plenos en horario de 10 a 15.00h. e a súa función será a de achegar información, revisar as notificacións, resolver dúbidas e axudar na preparación de alegacións e recursos “para que a veciñanza poida defender os seus dereitos”.
De cara a facilitar a revisar as cartas e preparar as posibles alegacións é moi importante que os usuarios e usuarias fagan o seguinte: por unha banda imprimir a información integrada no Código CSV da Sede electrónica do Catastro ao que fai referenza a notificación, xa que ese código é o que permite acceder á información de todo o expediente; e, por outra banda, levar á oficina habilitada polo Concello dúas copias de toda a documentación á que se refire o punto anterior.