En total competirán pola provincia 66 alumnos
Un total de 23 centros educativos da provincia da Coruña participarán no V Campionato Galego de Formación Profesional, GaliciaSkills 2018, organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. No campionato, que se celebrará o vindeiro mes de novembro no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca (Silleda) tomarán parte, pola provincia, 66 alumnas e alumnos. A competición busca darlle unha maior proxección e difusión á FP que se imparte na nosa Comunidade Autónoma, e que en anos anteriores ten colleitado amplos éxitos na edición a nivel nacional, SpainSkills.
En concreto, os centros participantes pola provincia da Coruña serán o IES As Mariñas (Betanzos), CIFP Ferrolterra (Ferrol), CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), IES San Clemente (Santiago de Compostela), IES Isidro Parga Pondal (Carballo), IES Nº 1 (Ordes), CIFP Compostela (Compostela), IES de Ortigueira (Ortigueira), IES Universidade Laboral (Culleredo), CPR Agarimo (Arteixo), IES de Melide (Melide), IES Calvo Sotelo (A Coruña), CIFP Someso (A Coruña), IES de Arzúa (Arzúa), CIFP Ánxel Casal – Monte Alto (A Coruña), IES Leixa (Ferrol), IES Lamas de Abade (Santiago de Compostela), CIFP Paseo das Pontes (A Coruña), CIFP Coroso (Ribeira), CFEA de Guísamo (Guísamo), IES de Fene (Fene) e o IES Fraga do Eume (Pontedeume).
O campionato, de carácter eminentemente práctico, consistirá no desenvolvemento de 25 competicións relacionadas coas especialidades (skills) de formación profesional, nas que o alumnado participante medirá as súas destrezas e demostrará as súas capacidades na realización das correspondentes probas. En concreto as especialidades convocadas son as de Pintura do automóbil, Tecnoloxía do automóbil, Ebanistaría, Carpintaría, Mecatrónica, Enxeñaría de deseño mecánico-CAD, Mecanizado, Electrónica, Administración de sistemas en rede, Solucións de software para empresas, Control industrial, Instalacións eléctricas, Soldadura, Panadaría, Servizo de restaurante e bar, Cociña, Fontanería e calefacción, Refrixeración e aire acondicionado, Peiteado, Floraría, Coidados auxiliares de enfermaría, Tecnoloxía da moda, Pintura e decoración, Xardinaría paisaxística e Recepción hoteleira. Ademais, haberá unha demostración de Animación 3D e xogos.
Haberá dous premios por competición. A persoa gañadora do primeiro premio en cada skill competirá representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2019, que se celebrará en Madrid. Este alumnado, xunto cos xefes e as xefas de equipo, conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en SpainSkills 2019. Ademais, todos recibirán un diploma acreditativo de ter participado neste campionato. O profesorado recibirá a correspondente certificación de participación na actividade de innovación educativa GaliciaSkills 2018, cunha equivalencia de 15 horas de formación permanente do profesorado.