Diego Calvo explicou que este evento se creou “por e para os municipios”, que cos novos produtos e servizos que presentan as entidades participantes poderán mellorar a súa xestión diaria
O I Encontro entre Empresas e Concellos organizado pola Deputación da Coruña abriu as súas portas no recinto feiral de Expocoruña como punto de encontro entre o sector público e privado. O titular provincial, Diego Calvo, foi o encargado de inaugurar este evento que pretende “converterse nun referente na provincia”.
Durante tres días as 70 empresas participantes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus produtos e servizos aos representantes dos 93 concellos da provincia. Así, alcaldes, concelleiros e técnicos municipais, en especial aqueles procedentes de municipios de menos de 20.000 habitantes, poderán coñecer as novidades que lle oferta o mercado para mellorar a súa xestión municipal en todos os sectores e, polo tanto, a súa atención aos veciños.
Desta forma, a Deputación da Coruña continúa coa súa senda de “traballar por e para os concellos” e facilitarlle a súa labor diaria. “Porque se montamos isto foi, sobre todo, pensando neles”, declarou Diego Calvo.
O presidente provincial estivo acompañado durante o acto de apertura polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o presidente da Fegamp, José Manuel Rey Varela.
Todos felicitaron ao ente provincial por esta iniciativa. “Veremos novas formas de traballo que favorecerán aos veciños”, declarou Rey Varela e engadiu que “en foros coma este se comproba a utilidade da función das Deputacións”.
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu que se “o interese por este tipo de encontros, quedou demostrado co aforo que tivo”. “A labor fundamental das deputacións é coordinar aos concellos e, neste caso, poñelos en contacto coas empresas”, sinalou. “As administracións temos moita responsabilidade na cooperación económica e a Deputación da Coruña o demostra a diario”, concluíu o responsable autonómico.
Por último, Carlos Negreira, declarou que dende que Diego Calvo está ao fronte desta administración “demostrou que existe outro xeito de gobernar nas Deputacións”: “Confía nos concellos e traballa para eles dende unha administración con débeda cero e que destina máis recursos que ningunha outra aos municipios”.
Todas as autoridades acompañadas de técnicos provinciais que organizaron o evento fixeron unha visita polo recinto para coñecer de primeira man as novidades do mercado.
Programa de actividades
A Deputación da Coruña ten organizada unha serie de actividades para facilitar que as firmas participantes poidan presentar as súas ideas e proxectos aos concellos. Así, ademais dos stands repartidos en Expocoruña hai presentacións, networking e mesas redondas.
O presidente provincial entende este evento coma “un paso máis” á hora de poñer “recursos a disposición dos concellos”, ben económicos (ao final do mandato se sumarán preto de 300 millóns de euros en plans provinciais dirixidos aos municipios), ou apoios doutro tipo coma a nova Central de Contratación ou o encontro que hoxe se presentaba en Expocoruña.
Todas estas iniciativas se formulan baixo o precepto de crer na “maioría de idade dos concellos” para que sexan eles os que decidan a qué deben dedicar os seus recursos. Neste caso concreto, o foro permitirá establecer sinerxías entre o sector público e privado e que os responsables municipais poidan levar á práctica estes proxectos para facilitar a súa xestión diaria.
A entrada ao encontro é gratuíta, só se precisa descargar a invitación a través da web provincial (http://www.dicoruna.es/promocion-economica-turismo/i-encontro-entre-empresas-e-concellos/).