Da suspensión a un total de 403 participantes en apenas dous anos, un 15% máis ca o ano pasado. Datos que demostran o gran éxito da IV Andaina Terras de Altamira que se celebrou hoxe sábado polos camiños e sendeiros do municipio brionés. A pesar de que o tempo non acompañou moito, ás 9:00 horas tomaron a saída 403 persoas das 405 que estaban inicialmente inscritas, o que supón superar o récord de 350 participantes rexistrado en 2017.
Por diante 50 quilómetros de sendeiros, contornas naturais e fermosas paisaxes do municipio de Brión e pasando por paraxes que non formaran parte do percorrido das edicións anteriores. O director da IV Andaina Terras de Altamira, Xosé Manuel Trigo, explica que “é unha satisfacción ver o gran número de participantes que temos. Hai que ter en conta que andainas con máis tradición na nosa contorna reúnen entre 135 e 200 participantes. E hoxe en Brión contamos con 403 persoas, o dobre. Algo que nos converte nunha das andainas con máis participantes en toda Galicia”.
A IV Andaina Terras de Altamira está organizada pola asociación O Esquio no Piñeiro e o Concello de Brión, que contan coa colaboración da Piscina Cuberta Municipal de Brión e da Federación Galega de Montañismo. A proba está incluída na Copa Galega de Andainas de 50 km promovida pola Federación Galega de Montañismo e puntuará para a mesma con 1 punto (tendo que conseguir 6 puntos como mínimo para optar á devandita copa).
A andaina está estruturada en forma de trébol de tres follas, de forma que cada participante elixe a distancia quere percorrer: 14, 36 ou 50 quilómetros. Neste sentido, a Carballeira de Santa Minia é ser o punto neurálxico da proba, xa que será punto de saída e chegada das tres rutas, de 14, 22 e 14 quilómetros, respectivamente.