A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, visitou Noia coincidindo co Día do Mercado coa, que culmina a campaña ‘Quere o teu mercado’ na que participaron 86 prazas e 3.000 comerciantes
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou hoxe a praza de abastos de Noia coincidindo coa celebración do Día do Mercado, coa que culmina a campaña Quere o teu mercado, na que participaron 86 prazas de abastos e 3.000 praceiros e praceiras de toda Galicia. Na súa visita, Vázquez Abeal destacou a importancia económica e social dos mercados galegos, pezas clave do comercio de proximidade.
Unha visita na que a directora xeral estivo acompañada polo alcalde de Noia, Santiago Freire; polo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; e pola concelleira de medio ambiente, Ángela Neri. Freire Abeijón agradeceu o compromiso con Noia da directora xeral de Comercio e Consumo pois “son moitas as visitas que ten realizado, recollendo as suxerencias dos nosos praceiros e praceiras. A iniciativa dos mandís de plástico para que poidan traballar en mellores condicións foi recollida o ano pasado nunha visita e xa a están a desfrutar nestes momentos”.
Así mesmo, o alcalde de Noia explicou que “como se está traballando nun convenio que vai supoñer unha remodelación importante da Praza de Abastos, quixemos facer unha visita in situ coa directora xeral aproveitando a campaña Quere o teu mercado para ver sobre o terreo as melloras que se están plantexando no estudo e no proxecto que se está elaborando”.
Pola súa banda, Sol Vázquez Abeal explicou que “a Praza de Noia atopamos un gran ambiente, uns grandes profesionais detrás deste peixe, destas carnes e que demostran que merece a pena vir aquí e investir en Noia. Nos mercados e nas prazas de abastos é onde está o mellor produto, a mellor calidade e a mellor atención”.
Quere o teu mercado
Durante as dúas últimas semanas, showcookings, música e actividades para os máis pequenos animaron as compras no marco desta iniciativa internacional impulsada en Galicia pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co sector e os concellos. O obxectivo é promover os mercados e prazas de abastos galegos, incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras.
A iniciativa Quere o teu mercado, que este ano se celebrou baixo o lema Preto do teu corazón, busca atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade. Trátase de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.
Quere o teu mercado (Love Your Local Market) está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos. A información da campaña pódese atopar na páxina web http://www.quereoteumercado.gal/ ou ben a través do Facebook https://www.facebook.com/quereoteumercado.