Friday 22 de November de 2024

Obras de mellora do Mercado Municipal


Inauguración das obras do proxecto de “REHABILITACIÓN DO MERCADO MUNICIPAL” coa presenza da Delegada Territorial, Dª Belén Docampo, e do alcalde Isaac Maceiras Rivas

Ditas obras foron levadas a cabo pola empresa OYS Noroeste e contaron cun orzamento de adxudicación de 139.634,00 € que foi financiado nun 75% pola Consellería de Economía e Industria a través dunha subvención e o 25% restante fíxose con cargo aos orzamentos municipais.
Os mercados municipais constitúen espazos de centralidade comercial que, a miúdo, teñen a capacidade de xerar actividades complementarias ao seu redor, e que tamén constitúen unha canle de comercialización moi eficaz de produto fresco. Polo tanto son un elemento clave para o desenvolvemento do comercio e, ademais no noso caso, un dos seus eixos vertebradores.
Ter en conta tamén que, cada certo tempo, prodúcense cambios normativos que obrigan a facer actualizacións para manter estas infraestruturas ao día e que sigan mantendo a súa “certificación de calidade” e, aínda que a praza de abastos da Pobra é unha das máis modernas e funcionais da nosa bisbarra, é necesario acometer este tipo de actuacións.
As obras que se levaron a cabo foron as seguintes:
• Revestimento interior cun chapado en pedra granítica a corte de serra de 2 cm a 5 cm de espesor.
• Nova pintura.
• Revestimento vinílico: utilizarase o mercado como escaparate do noso municipio coa colocación de fotografías en vinilo.
• Instalación de nebulizadores nos postos de peixe.
• Instalación de novas luminarias para unha mellora da calidade lumínica.
• Colocación dun novo panel informativo.
• Instalación dun revestimento de aceiro inoxidable nos postos de peixe.
• Reparación da carpintería exterior.
Agradecer á Consellería de Economía e Industria, representada pola Delegada Territorial, Belén Docampo, o interese mostrado desde o primeiro momento por este proxecto que axudará a manter ao noso mercado a tan alto nivel.
Desde o concello, seguimos a traballar para que os nosos veciños conten cos mellores servizos e infraestruturas.