Saturday 16 de November de 2024

A piscina municipal do Muíño abrirá as súas portas do 16 de xuño ao 9 de setembro


O prezo do carné de tempada mantense en 20 € para as persoas adultas e 12 € para os menores de 16 anos. Tamén haberá cursos de natación

O vindeiro 16 de xuño a piscina municipal exterior do Muíño arrancará a tempada estival, a cal durará ata o 9 de setembro.

Os carnés de socio xa se poderán solicitar a partir do vindeiro mes de xuño na Concellería de Deporte, para o que será preciso que se achegue unha fotocopia do DNI e unha fotografía tamaño carné. No caso das persoas adultas o custo para toda a tempada será de 20 € e para as menores 12 €. Tamén se poderá adquirir por mensualidades, en cuxo caso o prezo será de 12 e 6 € respectivamente. No caso de xuño esta contía reducirase a 3 e 6 €, mentres que en setembro será de 1,8 e 3,6 €, segundo sexan para menores ou maiores. Os prezos para adquirir entradas por xornadas soltas será de 1,50 € para as persoas adultas e de 1 € para os nenos e nenas.

A partir de xuño tamén se abrirá a inscrición para os cursos de natación, que se impartirán nas mesmas instalacións durante xullo e agosto. Para iso as persoas interesadas a partir de 3 anos deberán apuntarse ata o 21 de xuño. O prezo estipulado mensualmente será de 30 € para o grupo con idades que van dos 16 anos en adiante, e de 20 € para as persoas que teñan entre 3 e 15 anos. As clases terán lugar de luns a venres en horario de mañá.

Todas as tarifas reduciranse nun 50% para as familias numerosas.