Monday 25 de November de 2024

O Concello de Noia porá en marcha unha campaña de control do microchip de identificación dos cans no mes de xuño


Ángela Neri sinala que “durante o mes de xuño, os axentes limitaranse a informar da obrigatoriedade de colocar o microchip. Despois procederase a sancionar os incumprimentos”

O Concello de Noia, en colaboración coa Policía Local, vai poñer en marcha unha campaña de control do microchip de identificación dos cans. A concelleira de Medio Ambiente, Ángela Neri, explica que “dende a entrada en vigor da Lei de protección e benestar os animais de compañía en Galicia, se considera infracción grave que un can non conte co correspondente microchip identificador, sancionable con multas de ata 500 euros. Por iso, dende o Concello de Noia imos acometer unha campaña informativa entre todas as persoas propietarias de cans para regularicen a súa situación, no caso de que non dispoñan de microchip”.

Así, durante o vindeiro mes de xuño axentes da Policía Local de Noia levarán un lector de microchips cos que identificarán aos distintos cans que paseen cos seus donos/as polas rúas da vila. No caso de que o animal non dispoña do chip identificador, informaranlle da súa obrigatoriedade e advertiranlle de que as multas por non colocalo poden ascender ata os 500 euros, cando colocalo oscila entre os 30 e 40 euros.

Información, sanción

“No mes de xuño, os axentes limitaranse a informar á persoa propietaria da obrigatoriedade de colocar o microchip. Pasado ese tempo, procederase a sancionar os incumprimentos”, indica a concelleira de Medio Ambiente. Ángela Neri sinala que o Concello de Noia decidiu acometer esta iniciativa “diante do gran número de animais de compañía que se levan atopado perdidos polas nosas rúas estes últimos meses. Nótase ben que son mascotas extraviadas, moitas delas incluso con collar pero sen microchip identificador”.

Ánglea Neri lembra que “a identificación dos cans é obrigatoria por lei e a colocación do microchip é un procedemento rápido e asequible, que pode facer calquera veterinario sen ningún tipo de afección para o animal. Ese chip de identificación é positivo tanto para o seu propietario, pois no caso de perda é máis doado de localizar, e tamén para o Concello, que non ten que facerse cargo do animal e andar á busca do seu dono”.