A proba, puntuable para o circuíto provincial, desenvolverase o domingo pola mañá nos arredores do paseo fluvial
A carreira que percorrerá o arboreto da Cortiña e a zona da Bidueda este domingo volve confirmar a súa condición de referente entre as populares do norte galego. Ao peche do prazo de inscrición, o Concello e mailo CPI recolleron 819 solicitudes de participación, das que algo máis da metade son para as categorías dos 5 Km. Ademais, este ano bátese récord en número de equipos, cun total de 17, conformados maioritariamente por deportistas amadores e amadoras. Nese caso tamén máis da metade son de San Sadurniño. O tempo semella que vai ser un aliado: anúncianse nubes e claros e unha temperatura máxima que roldará os 20º, condicións ideais para correr. A carreira popular marcará en certo modo o arranque do “Xuño deportivo”, que programa varias actividades ao aire libre para as próximas semanas.
A saída da primeira carreira darase ás 11.15 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2006, 2007 e 2008-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Quince minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2004/2005 e 2001/2002/2003- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.
Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.30 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2009 e 2010- e para as 12.40h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2011/2012. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 12.50h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2013 e 2014- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.
A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, tamén se conta cortar un dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.
Os dorsais poderán retirarse hoxe entre as 19 e as 22.00h. e mañá de 12 a 14.00h. en Decathlon Ferrol. Mañá sábado tamén se poderán recoller desde as 18.00 até as 20.00h. no CPI de San Sadurniño. Outra opción é pillar chip e dorsal o propio domingo no propio arboreto da Cortiña: de 9.10 a 11.10h. para a carreira de 5 Km. -Infantil B ata veteráns- e ata media hora antes de cada proba para o resto de categorías.
As persoas participantes terán, ademais, servizo de duchas á súa disposición no Pavillón Municipal e na zona de saída e chegada contarán cun pequeno avituallamento ao que se lle sumará a posibilidade de petiscar algo no bar de campaña instalado para o evento. Con todo, desde o Concello tamén se lembra que nas proximidades existen as opcións do Mesón A Granxa e O Muíño do Pepe -mellor probar a reservar antes en ambos casos- e que en Lamas tamén se celebra a Feira da Artesanía e de degustación de Carrilleiras que, neste último caso, require inscrición previa chamando aos teléfonos 666 045 124 e 618 838 760.
A V Carreira popular Concello de San Sadurniño é puntuable para o VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade en colaboración co CPI de San Sadurniño e a Federación Galega de Atletismo. No apartado de entidades que botan unha man tamén se inclúe a Deputación da Coruña, Navantia, O Padroado de Deportes de Narón, o Concello de Narón, o Concello de Ferrol, a empresa SEDEGA, DECATHLON e o Club Castro de Lobadiz, xunto con máis dunha vintena de firmas comerciais, na súa maioría de San Sadurniño.
Máis deporte en xuño
Ademais deste evento deportivo, o Concello tamén ten programados outros para as próximas semanas, encadrados dentro do denominado “Xuño deportivo”. Así, o domingo 10 de xuño a Escola Pantín Surf Camp acollerá unha xornada de iniciación ao surf e ao paddle surf para maiores de 12 anos. A actividade ofrece 25 prazas e ten un prezo de 10€. Ao domingo seguinte, día 17, desenvolverase pola mañá unha nova edición da Roda Cicloturística en familia, consistente en dar un paseo en bici duns 13 quilómetros por San Sadurniño e arredores. Por último, o sábado 23, Naraío acollerá unha ruta de sendeirismo de dificultade media e 15 km. de percorrido que sairá do local social da parroquia a iso das 9.30h. Para obter máis información ou inscribirse en calquera destas actividades abonda con chamar ao 981 490 027 ou enviarlle un correo ao técnico de Cultura e Deportes, agustin.perez@sansadurnino.gal.
Cómpre lembrar, ademais, que a área de Cultura e Mocidade volverá reeditar o programa de lecer alternativo para a mocidade “Os venres en Sansa!”, que este ano se concentrará en tres venres de xuño, setembro e outubro. A velada nocturna de xuño repartirase por varias zonas do centro urbano o venres 15 ofertando paintball ao pé do Xubia, tirolina nos xardíns municipais, cociña e adestramento canino no CPI e unha ruta de sendeirismo que finalizará cara á unha da madrugada.