Friday 22 de November de 2024

A Xunta destaca as iniciativas para facilitar a creación de novas empresas e axilizar a súa tramitación coas administracións


O vicepresidente, Alfonso Rueda, participou na inauguración do ‘I Encontro entre empresas e concellos’, organizado pola Deputación Provincial da Coruña

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou na inauguración do I Encontro entre empresas e concellos, onde destacou o traballo do Goberno galego para facilitar a creación de empresas, axilizar a súa tramitación coas administracións públicas e favorecer a súa concorrencia na contratación pública.

O encontro estivo organizado pola Deputación Provincial da Coruña e contou tamén coa participación do seu presidente, Diego Calvo; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, José Manuel Rey Varela, e o alcalde da Coruña, Carlos Negreira.

Rueda puxo en valor o esforzo que a Xunta, da man das entidades locais, está a facer para facilitar a instalación de empresas nos concellos. Neste sentido, o ano pasado aprobouse a Lei do Emprendemento que eliminou de xeito xeral as licencias previas que existían no eido municipal, substituíndoas por comunicacións previas ou declaracións responsables.

Ademais, o Goberno galego tamén puxo en marcha este ano o portal ‘Pasaxe’, co obxectivo de axilizar os trámites que as empresas teñen que facer coas administracións públicas. Tratase dun sistema de interoperabilidade que permite que as administracións compartan entre elas documentación común, evitando ao empresario entregar varias veces os mesmos datos e documentos.

Outro avance importante foi a creación da sede electrónica da Xunta -https://sede.xunta.es-, que actualmente permite tramitar máis de 700 procedementos a través da Internet e un servizo 24 horas, 365 días ao ano. En 2014 xa foron efectuados máis de 25.000 trámites nesta plataforma, cunha redución media nos tempos de resolución do 25 por cento.

O Goberno autonómico quere agora trasladar este modelo ao eido local, polo que xa se están dando pasos nese sentido. Así, por exemplo, a través do Plan eConcellos a Xunta dotou ás entidades locais de servizos gratuítos de certificación dixital.

Facilitar a concorrencia pública
O último aspecto no que se está a poñer énfase é en facilitar a concorrencia das empresas galegas na contratación pública, un asunto no que volven ocupar un papel destacado as novas tecnoloxías, xa que a Xunta puxo en marcha a Plataforma de Contratación Pública de Galicia para ter en internet toda a información dispoñible para todos os potenciais licitadores.

Precisamente para incluír aos concellos, na Lei de Racionalización do Sector Público e no Plan de Mellora da Contratación Pública, incluíuse o obxectivo de colaborar coas entidades locais na extensión dos mecanismos electrónicos de contratación. Isto materializouse a través dun contrato adxudicado este verán e que ten un prazo de dous anos para implantar sistemas de licitación electrónica nas entidades locais e integralos coa Plataforma autonómica de Contratos.