Na sala de exposicións da Casa da Cultura, ás 20:30 horas, e o próximo sábado 2 de xuño, ás 10:30 horas
A sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión acollerá mañá venres 25 de maio, ás 20:30 horas, a presentación de dous proxectos colaborativos que se van levar a cabo no municipio: o centro de transformación de alimentos e o matadoiro móbil de aves e coellos. Unhas iniciativas promovidas polo Concello de Brión, que conta co apoio da Deputación da Coruña e do GDR Terras de Compostela.
O primeiro proxecto é un local-cociña no que a veciñanza poderá elaborar produtos transformados cos ingredientes e receitas tradicionais pero que, unha vez rematados, cumprirán cos requisitos legais establecidos para a súa venda en tendas, restaurantes, colexios, mercados… O segundo proxecto é un matadoiro móvil para aves e coellos, que irán polas casas que soliciten o servizo ben para autoconsumo ben para poder vender a carne coas preceptivas autorizacións sanitarias actuais.
Ambos proxectos están abertos á participación de todas as persoas que o desexen, tanto sexan veciños ou veciñas de Brión como das comarcas limítrofes. A segunda presentación terá lugar o sábado 2 de xuño, ás 10:30 horas, na sala de exposicións da Casa da Cultura de Brión. A maiores, o Concello de Brión decidiu achegar esta iniciativa divulgativa ás parroquias, polo que haberá sesións informativas nos teleclubes de Luaña (29 de maio) e Ons (31 de maio), na antiga gardería de Bastavales (5 de xuño) e Casa da Cultura (7 de xuño). En todos estes casos, a charla comezará ás 10:30 horas.