Friday 22 de November de 2024

As xogadoras da Selección Galega Infantil de Fútbol Sala visitan o colexio Jaime Balmes


 

As xogadoras e corpo técnico da Selección Galega Infantil Feminina de Fútbol Sala, acompañadas polo concelleiro de Deportes, Ramón Santos, visitaron  aos nenos e nenas do colexio Jaime Balmes. Unha visita na que as xogadoras repartiron invitacións para o Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala, que se xogará do 25 ao 27 de maio no pavillón polideportivo municipal Agustín Mourís.

Ramón Santos agradeceu á Federación Galega de Fútbol e a todas as persoas integrantes da comitiva da Selección Galega Infantil Feminina de Fútbol Sala que se achegasen a compartir as súas experiencias co alumnado do Jaime Balmés e fixo un chamamento á veciñanza a encher o polideportivo municipal durante o campionato. “Quero tamén aproveitar para animar a todas as xogadoras a que desfruten desta experiencia e desexo que vos poidamos ver na final do domingo, ás 12:00 horas, e que a gañedes”, desexou Ramón Santos.

Pola súa banda, o seleccionador galego, Marcio Santos, explicou que “se trata de un buen torneo, con rivales muy fuertes y no va a ser fácil, pero espero tenemos un buen equipo, que trabaja mucho y quién sabe si podremos ser campeonas del torneo”. Unha selección na que participan 12 xogadoras procedentes de 10 clubs diferentes.

As xogadoras “sometéronse” a un “interrogatorio” por parte do alumnado do Jaime Balmes, que se interesaron por cuestións como cando empezaron a adestrar, cantos anos levan xogando, que logros deportivos acadaron, como o compaxinan cos estudos ou mesmo se teñen moitas trabas polo feito de seren mulleres. Un punto no que as xogadoras recoñeceron que ás veces se pensa que o fútbol é cousa de homes pero, como asegurou Marcio Santos, “la única diferencia es la fuerza física, porque a nivel técnico no hay ninguna”. Así mesmo, as xogadoras coincidiron en sinalar que, para triunfar en calquera deporte, a base é traballo e ser humilde.

Campionato e cambios no horario

As seis seleccións que participarán do 25 ao 27 de maio no Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala visitarán hoxe xoves, ás 20:20 horas, o Concello de Noia, onde serán recibidas polo alcalde Santiago Freire. Unha convocatoria na que estarán presentes os equipos de Galicia, Madrid e Murcia (Grupo A) e Andalucía, Cataluña e Castela A Mancha (Grupo B).

A fase de grupos do Campionato de España de Seleccións Autonómicas Infantís Femininas de Fútbol Sala terá lugar durante o venres 25 e a mañá do sábado 26. Abrirán o campionato Madrid e Murcia (10:00 horas), seguidos de Cataluña – Castela A Mancha (12:00 horas). Pola tarde, ás 17:00 horas, chegará o debut das rapazas de Galicia, que xogarán contra o perdedor do Madrid-Murcia. Ás 19:00 horas, Andalucía pechará a xornada xogando contra o perdedor do Cataluña-Castela A Mancha. Para a mañá do sábado 26 quedan os dous encontros restantes: Galicia contra o gañador do Madrid-Murcia (10:00 horas) e o Andalucía contra gañador do Cataluña-Castela A Mancha (tamén ás 10:00 horas pero no pavillón Alonso Rodríguez).

Os horarios da tarde do sábado 26 cambiaron, para non coincidiren coa final da Champions League. Así, a final de consolación (entre os terceiros de cada grupo) terá lugar ás 17:00 horas no pavillón Alonso Rodríguez, mentres que a semifinal entre o primeiro do grupo A e o segundo do grupo B será ás 17:00 horas e a outra entre o primeiro do grupo B e o segundo do grupo A ás 19:00 horas, ambas no polideportivo Agustín Mourís. A gran final terá lugar o domingo 27 de maio, ás 12:00 horas.