Está organizado pola Fundación Mujeres en colaboración co CIM da Mancomunidade. A presentación terá lugar o vindeiro martes, 29 de maio, e tratará sobre a saúde e o autocoidadado das persoas coidadoras
O próximo 29 de maio Fundación Mujeres, en colaboración co CIM da Mancomunidade de Ordes, organiza a charla “Saúde e autocoidado para coidadoras”, especialmente pensada para coidadoras, persoal técnico e calquera persoa interesada. Terá lugar ás 10.30 horas no salón de plenos do Concello de Ordes, situado nos baixos da alameda. Durante esta sesión abordarase o coidado de persoas dependentes e o autocoidado e presentarase o ciclo de charlas previsto para o vindeiro mes de xuño, no cal poderán participar coidadoras e coidadores informais que habitualmente coidan doutras persoas nos seus fogares.
As sesións previstas son as seguintes: ‘Emocionarte, a arte das emocións. Análise da xestión emocional’ (6h), ‘Aprendemos a xestionar o sentimento de culpa’ (2h) e ‘Aprendemos a negociar. Chantaxe emocional’ (2h). O dito ciclo de charlas desenvolverase os venres 1, 8, 15, 22, 29 de xuño de 10.30 a 12:30 horas na aula de formación tamén situada nos baixos da alameda. As persoas interesadas xa se poden poñer en contacto co CIM da Mancomunidade de Ordes para solicitar máis información ou ben inscribirse.