Participarán o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños e a Banda de Música Municipal de Brión
A “Noite en Branco da Magariños” ofrecerá mañá venres 24 de maio, entre as 22:00 e as 0:00 horas, cinco concertos noutros tantos edificios públicos de Brión. Cinco concertos, totalmente gratuítos e abertos á cidadanía, nos que participará o alumnado da Escola Municipal de Música Magariños de Brión e a Banda de Música Municipal de Brión. “Cinco espazos e cinco concertos cunha programación con moita variedade de estilos, agrupacións e tamén con intérpretes solistas ata sumar preto de 130 músicos”, explica Carlos Amado, director da ESMU Magariños.
A “Noite en Branco” inclúe actuacións duns vinte minutos nos que se interpretan pezas clásicas e modernas, que van acelerando o seu ritmo segundo vai avanzando a noite e se vai cambiado de escenario, todos eles na contorna de Pedrouzos e coa Carballeira de Santa Minia como eixo central. Así, as actuacións comezarán ás 22:00 horas na Aula 2 da ESMU Magariños co concerto “Lento”; seguido ás 22:30 horas polo concerto “Adagio” na Biblioteca Municipal de Brión.
Ás 23:00 horas chegará o concerto “Moderato”, que terá lugar na sala de exposicións da Casa da Cultura, dende onde se trasladarán ata o salón de plenos do Concello de Brión, onde ás 23:30 horas se celebrará o concerto “Allegro”, coa actuacións dun conxunto coral. A “Noite en Branco da Magariños” pecharase ás 0:00 horas co concerto “Presstisimo” da Banda de Música Municipal de Brión na Praza do Concello (en caso de choiva, no auditorio do Centro Social Polivalente).
A “Noite en Branco da Magariños” está organizada pola Escola Municipal de Música Magariños de Brión, coa colaboración do Concello de Brión, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A entrada a calquera destes cinco concertos é totalmente libre e de balde.
Alborada na Carballeira
A novidade deste ano terá lugar ás 22:45 horas, momento no que se celebrará unha alborada na Carballeira, protagonizado por un dúo de gaitas e tamboril que interpretarán a Foliada de Luxán e o pasodobre de Imende.