Friday 22 de November de 2024

Oitenta decanos de Economía e Empresa reuniranse en Santiago os días 31 de maio e 1 de xuño


A fase final da Olimpíada Española de Economía xuntará aos mellores estudantes de secundaria

A Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE) celebrará unha reunión en Santiago o xoves 31 de maio e máis o venres 1 de xuño.

Un total de 80 decanos e vicedecanos de Economía e Empresa congregaranse no Salón de Graos do centro para procurar acordos, transmitir información de interese e artellar a opinión do colectivo.

A escolla da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC para esta cita trátase dunha manifestación de agarimo co gallo do 50 aniversario dos estudos de economía en Galicia

A CONFEDE constituíuse no ano 1998 en Albacete e forman parte dela as decanas e os decanos das facultades e centros autorizados para expediren e impartiren os diversos títulos oficiais en Economía e Administración e Dirección de Empresas.

Así, a CONFEDE, que se reúne dúas veces ao ano, funciona como favorecedora da cooperación entre facultades de economía e empresa.

A Facultade compostelá prepara a fase final da Olimpíada Española de Economía

Os días 25 e 26 de xuño, Santiago de Compostela acollerá a fase final da X Olimpíada Española de Economía, unha das grandes citas do programa conmemorativo do 50 aniversario.

Nela participarán as alumnas e os alumnos de segundo ano de secundaria que superaron as distintas fases zonais, 3 estudantes por cada unha das 45 universidades implicadas. Xunto a eles acudirán profesores universitarios e máis de instituto, para un total de máis de 300 implicados.

A proba conta con contidos de economía xeral e de economía da empresa, que determina os dez alumnos premiados en cada edición da Olimpíada.

A Asociación Olimpiada Española de Economía é quen organiza este evento que procura a divulgación dos estudos de Economía e Economía da Empresa; premiar o esforzo e a excelencia académica dos estudantes de bacharelato; e máis establecer e fortalecer vínculos estables entre a ensinanza universitaria e os outros niveis educativos.