Monday 25 de November de 2024

44 postos admitidos para o mercado do domingo en San Sadurniño


Este domingo 27 de maio San Sadurniño vai ser un non parar. A media mañá, carreira popular. Ao mediodía, carrilleiras en Lamas. E desde as 10.00h., mercado local nos xardíns municipais. A pouco que nos organicemos incluso poderiamos facer algunha compra no mercado, competir na popular que se desenvolve preto de alí e, despois dunha ducha, ir xantar carrilleiras a Lamas. Dos eventos principais do domingo xa falamos nos últimos días, pero aínda non mencionaramos nada do mercado, onde se darán cita un total de 44 postos.

O prazo de inscrición pechou onte mesmo e, de novo, confírmase o interese de comerciantes de toda a volta por asistir a unha cita que xa está fixada para os derradeiros domingos de maio, xuño, xullo, setembro e outubro, como complemento da Feira da Plantación de finais de abril e da Feira Rural que se celebra o último sábado de agosto.

A variedade está asegurada para este domingo, xa que o evento contará con viveiros de planta e flor, alimentos da terra frescos e elaborados, artesanía e tamén artigos de segunda man, sectores estes últimos que están converténdose pouco a pouco nun importante reclamo para o público.

O mercado comezará ás 10.00h. e estenderase ata despois das 14.00h. ou, quizais, un pouco máis se se ve animado pola proximidade da carreira popular que se desenvolve a tan só uns metros.