Friday 22 de November de 2024

O Mercado da Quintana posicionará a Galicia como destino turístico de Nadal


Un Belén xigante de figuras artesanais instalado na Catedral de Santiago completará a oferta deste Nadal e enriquecerá a tradición belenística da nosa Comunidade

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde do Concello de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, e a concelleira de Turismo e Mercados, Reyes Leis, presentaron hoxe a 1ª Edición do Mercado da Quintana, un dos grandes reclamos turísticos de Galicia para este Nadal.

Segundo afirmou a directora de Turismo de Galicia, “un evento actual, con personalidade e carácter innovador que reforzará o atractivo da nosa Comunidade e dinamizará o comercio durante esta festividade”.

Nava Castro sinalou que son moitas as cidades que cada ano ven aumentar o seu número de visitantes durante estas datas grazas aos mercados do Nadal que se converten nun forte reclamo turístico e unha das motivacións principais a hora de escoller destino durante esta festividade. “Estes mercados do Nadal convértense na mellor alternativa nestas datas xa que non só ofrecen a posibilidade de encontrar obxectos de decoración, doces típicos e regalos orixinais a prezos económicos, senón tamén a oportunidade de coñecer os destinos turísticos dun xeito diferente”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

O primeiro Mercado da Quintana, que se celebrará do día 12 de decembro ao día 5 de xaneiro na céntrica praza compostelá, contará cunha coidada escenografía que imitará unha rúa comercial de estética afín á arquitectura tradicional galega.

Nel, artesáns, produtores, comerciantes e restauradores exhibirán e venderán os seus produtos, pezas e coleccións de decoración e produtos de Nadal. Ademais o Mercado contará cun carrusel para o gozo dos cativos e un escenario para as actuacións musicais dos venres, sábados e domingos, que fará as veces de photocall para os visitantes. O Mercado posuirá tamén unha zona infantil para obradoiros onde se levará a cabo o servizo de gardería-ludoteca durante as fins de semana, e un acolledor espazo de restauración para a degustación de bebidas e comestibles típicos destas festas.

Ademais, este ano a catedral de Santiago acollerá un Belén tradicional xigante -de 50m2- decorado, realizado e tallado á man de forma artesanal, que, desde o 5 de decembro ata o 7 de xaneiro, completará a oferta deste Nadal e enriquecerá a tradición belenística da nosa Comunidade.

O turismo de compras, un segmento clave
As compras estanse consolidando como un segmento clave dentro da industria do turismo é son un elemento destacable na contribución da consolidación do destino, no crecemento económico, na xeración de ingresos e na creación de postos de traballo.

O impulso do turismo de compras é fundamental xa que incentiva a desestacionalización, un dos principais retos do Plan Integral de Turismo de Galicia, e favorece o incremento do gasto dos turistas na nosa Comunidade.

Neste senso, Nava Castro destacou que o gasto dos turistas internacionais superou en Galicia os 695 millóns de euros nos nove primeiros meses do ano, o que supuxo un aumento do 19,6% con respecto ao mesmo período de 2013, segundo as cifras de EGATUR. Segundo estes datos, o gasto total do turismo internacional en Galicia experimentou un crecemento continuado dende o mes de maio, manténdose, por tanto, unha tendencia positiva neste 2014.

A estes beneficios económicos hai que engadir ademais os sociais, xa que o comercio serve como unha plataforma de rexeneración urbana que incrementa o valor de zonas menos visitadas por turistas.