O Concello tamén suscribirá 16.500 euros en convenios nominativos con cinco entidades
O Boletín Oficial da Provincia do pasado 18 de maio publica as convocatorias de axudas do Concello de Moeche con destino ás entidades sociais e comisións de festas do municipio. O importe total das subvencións ascende a 7.600 euros, dos que 4.000 se distribuirán entre o tecido asociativo para as actividades que desenvolvan no eido cultural e deportivo ou para a mellora do seu equipamento. Os 3.600 euros restantes están reservados para colaborar na organización da ducia de festas parroquiais que se celebran no territorio organizadas por colectivos constituídos formalmente ou por comisións veciñais creadas con esa única finalidade. Cómpre lembrar que, ademais da liña de axudas en concorrencia competitiva, o Concello tamén suscribirá convenios nominativos con cinco entidades do municipio por valor de 16.500€.
No ámbito cultural e deportivo, as asociacións radicadas no municipio poderán solicitar as axudas ata o 15 de xuño presentando unha memoria explicativa da súa programación para este 2018 que incorpore o custe de cada actividade así como os importes doutras subvencións e achegas económicas que se teñan previsto recibir co mesmo obxecto. Entre os requisitos que deben cumprir están o de que a programación estea impulsada por unha asociación do territorio que non teña débedas tributarias ou coa Seguridade Social nin tampouco contas pendentes co Concello, incluída a xustificación de axudas en exercicios anteriores.
Os conceptos subvencionables son practicamente todas as iniciativas culturais -cursos, obras de teatro, viaxes culturais, etc.-, deportivas e educativas que se vaian levar a cabo durante este ano, aínda que tamén entra no obxecto das axudas colaborar economicamente na mellora do equipamento ou dos locais que teñan en propiedade. De feito, este último concepto valorarase con ata 10 puntos na avaliación das solicitudes. Outros aspectos que se terán en conta serán a normalización e uso do galego, a colaboración con outras entidades, a duración dos proxectos, o número de persoas socias, as propostas relacionadas coa muller, as persoas maiores ou a mocidade -4 puntos- e a propia programación, que pode chegar aos 12 puntos.
Ao tratarse dunha convocatoria en rexime competitivo, os 4.000 euros totais distribuiranse en relación coa puntuación acadada na baremación. Trala comunicación da concesión, as asociacións poderán solicitar un adianto dun 30% da cantidade que lles corresponda, mentres que o outro 70% recibirano despois de presentar a documentación xustificativa das axudas, que deberá presentarse o 30 de novembro como moi tarde. Cómpre sinalar que o BOP do pasado 18 de maio non recollía este último prazo, polo que o Concello publicará nuns días unha corrección de erros no mesmo boletín na que se especificará a data límite de xustificación.
Comisións de festas
A outra liña de axudas publicada refírese á colaboración municipal na organización de festas patronais nas cinco parroquias. Son 12 distribuídas entre o mes de abril e o de outubro e para cada unha delas hai reservados 300 euros -a partida ascende a 3.600 €-, que poderán ser solicitados polas comisións organizadoras, xa sexa unha asociación constituída legalmente ou unha comisión formada pola veciñanza do lugar. Neste caso as solicitudes poden presentarse, como moi tarde, un mes despois de que o Concello comunique a autorización para celebrar os festexos. Ocorre igual coa xustificación da axuda, que deberá presentarse un mes despois de recibir a comunicación da concesión da mesma.
Convenios con outras entidades
Das liñas de axuda para Cultura e Deportes quedarían fóra aquelas entidades que suscriben anualmente convenios nominativos co Concello. Para este cometido a Administración Local conta cunha partida de 16.500 euros, que se distribuirán entre a entidade organizadora do Festival Irmandiño, a Asociación Ecuestre 23 de Abril, a ACD Moeche, a Escudería Moeche e a ANPA do CEIP San Ramón.