As propostas poden presentarse ata o 29 de maio
Ata o próximo 29 de maio estará aberto o prazo de presentación de propostas para a xestión da cantina da área recreativa de Currás durante a temporada estival. Trátase dun contrato que se resolverá en base á oferta económica que se faga -o mínimo son 150 euros-, pero tamén valorando a ampliación do horario de apertura, a variedade e o prezo dos produtos que se ofrezan. Os pregos completos e as follas normalizadas de presentación da proposta técnica e económica poden descargarse desde o Perfil de Contratante do Concello.
As condicións que deberá cumprir o adxudicatario ou adxudicataria da xestión son varias. A primeira refírese aos horarios de apertura, xa que a cantina terá que permanecer aberta entre o 18 de xuño e o 16 de setembro -ambos os dous días incluídos- e, como mínimo, entre as 15.00h. e as 21.00h. durante todo o período, así como os luns, mércores e venres das 11.00h. ás 14.00h. dos meses de xullo e agosto, xa que eses días haberá cursos de natación polas mañás. Os sábados, domingos e festivos -días de maior afluencia de público- o horario mínimo será desde as 12 até as 21.00h. Iso si, as licitadoras poderán ampliar o tempo de apertura o que consideren oportuno, posto que é un criterio que os pregos valoran con ata 15 puntos.
Outro compromiso que se deberá adquirir é o de manter as instalacións en perfecto estado de limpeza. Un requisito que abrangue o espazo da cantina e dos aseos de uso común, ademais do baleirado de papeleiras e a recollida de refugallos da área recreativa separada das instalacións do vaso. Os vestiarios e o mantemento da zona de baño correrán por conta da empresa que xestione o servizo da piscina durante o verán.
De cara á adxudicación do contrato tamén se valorará con ata 10 puntos a variedade de produtos ofertados a maiores da relación mínima esixida polo Concello, que recolle ata 21 artigos entre bebidas, bocadillos e petiscos. A Administración Local achega tamén prezos máximos de referenza que poderán verse rebaixados nas ofertas. Este apartado poderá obter un máximo de 15 puntos. A proposta que resulte adxudicataria deberá ter recollidos todos os produtos nunha lista de prezos e nunha carta redactada en galego, de acordo coa ordenanza de normalización lingüística.
A convocatoria tamén marca a encomenda de expender as entradas diarias na piscina -os abonos hai que solicitalos no Concello- e a obrigatoriedade de dispensar un trato cordial ás persoas usuarias. A contratista deberá poñer á súa disposición documentos de reclamación que, no caso de producirse, será comunicada tamén ao departamento municipal de Deportes.
O último aspecto valorable neste procedemento será o do canon que deberá satisfacer a empresa ou persoa autónoma adxudicataria da xestión. O Concello puxo 150 euros como mínimo e, a partir de aí, as candidaturas poderán subir nas súas ofertas o que consideren oportuno, tendo en conta que este apartado suporá 60 puntos no total da valoración.
As ofertas técnicas e económicas poderán presentarse no Concello ata o día 29 de maio ás 14.30h. por medio dalgunha das fórmulas previstas na lei. A documentación pode descargarse desde esta ligazón do Perfil de Contratante.