Sunday 24 de November de 2024

Rematada a pasarela cuberta de Lamas de Abade, vinculada aos Orzamentos Participativos


A concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, e o concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, visitaron esta mañá dúas das actuacións executadas con cargo aos Orzamentos Participativos Compostela Decide correspondentes a 2017. Os edís achegáronse a Lamas de Abade, onde se construíu unha pasarela cuberta para comunicar o CEIP co CIFP Compostela; e á parroquia de Marrozos, onde se ampliou o campo da festa.

A concelleira de Economía e Facenda lembrou que no proceso dos Orzamentos Participativos de 2017 puidéranse presentar propostas para a área urbana sueste, e as dúas máis votadas xurdiron da ANPA do CEIP Lamas de Abade. A que xa está executada é a construción da senda peonil cuberta que une o Centro de Educación Infantil e Primaria co CIFP, onde os nenos e nenas do CEIP teñen o servizo de comedor. María Rozas explicou que a actuación, orzada en 60.000 euros, permitirá que “os cativos e cativas realicen o percorrido ata a escola de hostalería dun xeito máis seguro, e a salvo das inclemencias do tempo”.

A outra actuación pendente en Lamas de Abade é a mellora dos accesos peonís aos centros educativos, á que se van destinar 136.000 euros. O concelleiro de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial aclarou que “o Concello está á espera do informe da Xunta de Galicia para poder licitar esta actuación, que lle afecta a centros escolares que son de competencia autonómica”. Rafael Peña mostrouse convencido de que as obras poderán estar executadas de cara ao próximo curso.

Campo da festa de Marrozos
María Rozas e Rafael Peña tamén visitaron o campo da festa de Marrozos, que vén de ser ampliado tamén con cargo aos Orzamentos Participativos Compostela Decide. Esta actuación foi a máis votada no apartado das actuacións para a zona rural no proceso de 2017, e supuxo un investimento de 60.000 euros. O presidente da Asociación de Veciños de Marrozos, Carlos Taibo, mostrou a súa satisfacción pola obra, que “era unha vella demanda veciñal, porque o campo da festa tiña unha zona moi ampla que non podía ser utilizada por non estar acondicionada correctamente”.

A concelleira de Economía e Facenda tamén recoñeceu que “é un orgullo ver que as actuacións elixidas pola veciñanza no proceso de Orzamentos Participativos se converten en realidade, porque esa é a razón de ser dunha proposta que é clave no programa do Goberno”. María Rozas lembrou tamén que a zona rural está incluída todos os anos no proceso dos Orzamentos Participativos “como clara aposta polo reequilibrio territorial”.