Monday 25 de November de 2024

A Xunta porá en servizo en verán a nova senda peonil e ciclista entre A Laracha e O Cancelo, grazas a un investimento de case un millón de euros


Os traballos consisten nun itinerario peonil e ciclista pola marxe esquerda da estrada autonómica, ao longo de case 2 quilómetros
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polo alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela, visitou as obras da senda peonil e ciclista entre A Laracha e O Cancelo, na estrada AC-552. Os traballos que están a avanzar a moi bo ritmo consisten na construción dun itinerario para peóns e para bicicletas pola marxe esquerda da estrada, ao longo de case 2 quilómetros. O investimento da Consellería de Infraestruturas e Vivenda é de case un millón de euros e a previsión é que as obras rematen este verán.

O delegado territorial e o alcalde de Laracha supervisaron o avance das obras desta nova senda que ten un ancho de 2 metros e que está separada da estrada por unha zona axardinada con formigón coloreado, para que sexa máis visible para os vehículos.

Ovidio Rodeiro apuntou que esta senda, unida a outra que xa existe en Paiosaco, unha senda de uso compartido, peonil e ciclista, de 1,5 quilómetros, proxectada pola marxe esquerda da estrada que comunica os principais equipamentos do concello e na que se investiron 700.000 euros.

En total, estas actuacións, unidas ás aceiras xa existentes, proporcionarán aos veciños da contorna un itinerario peonil e ciclista de 6,7 quilómetros que permite unha mobilidade máis integrada na zona urbana e máis sostible co medio ambiente.

Ovidio Rodeiro apuntou que o Plan de sendas de Galicia na comarca de Bergantiños prevé a construción en total de 7 itinerarios peonís e ciclistas que suman 11 quilómetros e supoñen un investimento de 5 millóns de euros.

“Nesta zona, apuntou o delegado territorial, é onde máis avanzados están os proxectos”. Nese sentido, salientou que na comarca de Bergantiños xa están rematadas as sendas de Laracha a Paiosaco; a de Xornes-Buño-Canta la Rana, entre Malpica e Ponteceso; a que une Carballo co polígono de Bértoa; e proximamente poranse en servizo a de Neaño-Cabana, e esta última entre A Laracha e O Cancelo. Neste senso, “precisamente hoxe, recalcou o delegado, acaba de publicarse no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se acorda realizar o pagamento do prezo xusto dos bens e dereitos afectados pola obra do proxecto de construcción do itinerario peonil e ciclista na Ac-429, treito Neaño-Cabana”.

Para o delegado territorial “este tipo de actuacións inciden directamente na calidade de vida dos veciños porque apostan pola seguridade e pola integración na paisaxe dos itinerarios peonís e ciclistas e dan opción de apostar por unha mobilidade máis saudable”.

Para a execución destas sendas, a Xunta de Galicia conta con cofinanciamento de fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.